Sony engade pantalla táctil óptica aos seus eReaders

mércores, 1 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Aínda que dende Sony non queren entrar nunha guerra de prezos cos seus lectores de libros electrónicos, iso non impide que renoven tal liña de produtos, de xeito que en vez de reducir os seus prezos de xeito significativo optaron por mellorar as súas prestacións, co que agora temos eReaders máis delgados, rápidos e con pantalla táctil óptica (con tecnoloxía anti-reflexos) en todos os modelos.
A distribución internacional de modelos coma o Reader Touch e o Pocket Editions tamén mellora, chegando finalmente de xeito oficial a Italia, Australia, Xapón e España.
Os novos lectores de e-books empregan as novas pantallas de E Ink, que melloran o seu nivel de contraste, o que facilita a súa lectura baixo o sol, continuando a presentar 16 niveis de gris.
O Reader Pocket Edition é o modelo básico de Sony, cunha capacidade de almacenamento de 2 Gb (que permite cargar uns 1.200 libros) e un prezo de só 179 dólares, seguido polo Reader Touch Edition, que aparte de 2 Gb de memoria interna tamén conta con fendas de expansión para tarxetas de memoria de ata 32 Gb e a capacidade de reproducir audio en MP3 e AAC (ten un prezo de 229 dólares). E coma guinda, o Reader Daily Edition achega conectividade sen fíos (tanto 3G coma Wi-Fi), navegación web básica, pantalla de 7 polgadas, 2 Gb de memoria interna ampliable mediante tarxetas de ata 32 Gb e un prezo de 299 dólares.

PUBLICIDADE