Sony comercializará un soporte motorizado para móbiles con Android

xoves, 12 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Entre os accesorios que presentou Sony durante a pasada edición da IFA temos que destacar hoxe o curioso soporte de captura intelixente IPT-DS10M, que vén a ser un pé que pode suxeitar o noso móbil e emparellarse co mesmo por NFC para comunicarse por Bluetooth, de xeito que podemos, por exemplo, deixar o smartphone sobre unha mesa durante unha festa para que o móbil detecte caras e sorrisos para disparar fotografías de xeito automático, e mesmo podemos aproveitalo para a gravación de vídeo, podendo facer un seguimento das persoas que se gravan mantendo o enfoque aínda que se movan pola habitación (pois o soporte está motorizado para poder facer un seguimento das persoas que busque retratar). Aparte de poder programarse para que dispare imaxes ao detectar sorrisos, tamén pode programarse para un disparo remoto dende outros dispositivos como un SmartWatch 2.
Este soporte de captura está optimizado para smartphones da familia Xperia, aínda que pode funcionar con moitos outros smartphones con Android 4.0 ou posterior, soportando Bluetooth 2.0 e NFC, alimentándose mediante 2 pilas AA e podendo xirar ata 360 graos. Este interesante accesorio porase en breve á venda por un prezo de 149 euros, e aínda que inicialmente conta coa aplicación de control Smart Connect (que inclúe o sistema de captura de sorrisos SmileCatcher) é de esperar que medre en funcionalidades grazas a unha API posta a disposición por Sony.

O soporte pode ser ideal para o seu uso durante encontros con familiares e amigos


Vídeo de presentación do soporte de captura intelixente de Sony

PUBLICIDADE