Sony anuncia os xogos de PS Plus para o presente mes

mércores, 1 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro día 7 será cando se renoven os xogos que poderán descargar sen custo adicional os subscritores de PlayStation Plus, que continúan na liña discreta que xa se está a converter nun habitual (afastándose dos grandes títulos que ofrecían hai un par de anos ou incluso dos que actualmente ofrece Microsoft para as súas consolas) pero non por iso deberían recibirse mal, xa que algún dos títulos, sen ser superproducións, son xogos salientables pola súa xogabilidade ou polo seu deseño de arte. Cómpre salientar o feito de que, a partires deste mes, os xogos mensuais actualizaranse os martes en lugar dos mércores.
O primeiro xogo a destacar en xullo é Rocket League, título de acción deportivo que estréase directamente na PlayStation 4 a través de PS Plus, e no que conduciremos a un coche propulsado por foguetes por unha arena na que se xoga a unha especie de fútbol de alta velocidade, destrución e acrobacias que gañará o corazón de moitos usuarios da PS4 ao permitirlles xogar con psicótico Sweet Tooth (o pallaso do camión dos xeados da serie Twisted Metal).
Para PS4 tamén estará dispoñible Styx: Master of Shadows, un xogo de infiltración con elementos de rol que saíu á venda en outubro de 2014 e aínda está valorado en 29,99 euros. E se, aparte da PS4, tamén se conta cunha PS Vita, teremos Entwined, un título bastante curioso que funcionará en ambas plataformas.
Quen aínda conserve a PlayStation 3 poderá recuperar un título moi orixinal de 2013, Rain, que impresionou enormemente no seu día polo seu concepto visual, xa que permitiranos vivir unha aventura na que controlaremos a un neno invisible que debe salvar a unha moza de criaturas fantasmagóricas que a atormenta. O orixinal desta proposta é que para percibir ao noso personaxes invisible teremos o elemento da chuvia, que tamén será a que nos faga visible aos inimigos (polo que en certos momentos haberá que refuxiarse para manter a invisibilidade).
Outro título moi recomendable sería MouseCraft, unha especie de combinación entre os Lemmings e Tetris, na que deberemos colocar bloques en posicións determinadas para que uns ratos poidan chegar ao queixo e así facer funcionar unha máquina. Un quebracabezas bastante curioso e cunha estética bastante divertida.
Completa a oferta de xullo un título que está a ser ben recibido en PS4, Geometry Wars 3: Dimensions, que desta volta ofrecerase en versión para PS Vita como un xeito de paliar o seu desnutrido catálogo.

A partires do 7 de xullo os usuarios de PS Plus poderán descargar MouseCraft para PS3, PS4 e PS Vita

PUBLICIDADE