Sony Xperia go, un smartphone básico resistente a auga e po

martes, 13 de novembro do 2012 Marcus Fernández

O Sony Xperia go véndese en 3 cores distintas

Un dos novos móbiles resistentes de Sony, o Xperia go, vai incorporarse ao catálogo de móbiles de Orange o vindeiro 1 de decembro de xeito que poderá conseguirse dende 0 euros coas tarifas Delfín ou Ballena, aínda que xa está dispoñible libre dende hai varios meses e pode resultar interesante para que precise dun smartphone que cumpra coas funcións básicas pero que sexa resistente á auga e ao po.
O Sony Xperia go funciona con Android 4.0, un procesador Cortex A9 NovaThor U8500 de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, prestacións modestas como a súa cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash LED e a súa pantalla de 3,5 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles, que serían máis propios dun terminal de gama baixa, pero que nesta ocasión pode perdoarse por ser un terminal orientado a un público que busca a resistencia e non a potencia. O seu grosor é de só 9,8 milímetros e pesa 110 gramos.
Os usuarios que gusten da resistencia deste móbil, pero sexan máis esixentes no tocante ás súas prestacións, deberían agardar unhas semanas á chegada ao mercado do Sony Xperia V, que xa incluirá procesador de 4 núcleos, 1 Gb de RAM, pantalla de 4,3 polgadas de alta definición, cámara de 13 Mpíxeles e mesmo NFC.

O terminal móbil é resistente á auga e ao po

PUBLICIDADE