Sonic & All-Stars Racing Transformed chega á 3DS esta semana

luns, 4 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

En novembro o xogo de velocidade Sonic & All-Stars Racing Transformed chegou en versión para PlayStation 3, Xbox 360 e Wii U, para estrear aos poucos días a correspondente versión para PS Vita, e agora, para completar o seu lanzamento comercial, confirman que chegará ás tendas europeas na súa versión para Nintendo 3DS o vindeiro día 8.
A versión para a portátil de Nintendo de Sonic & All-Stars Racing Transformed destaca por permitir xogar utilizando o Mii do xogador (aparte dos populares personaxes de SEGA), incluirá desafíos StreetPass e permitirá competir contra ata 7 amigos con varios ou cun único cartucho.
O xogo permitirá elixir entre 22 personaxes xogables de SEGA (entre os que non falta Sonic), conta con invitados como Ralph (da película ¡Rompe Ralph!) e Danica Patrick (competidora da NASCAR), ten un catálogo de máis de 20 pistas que descubrir e inicialmente distribuirase nunha edición limitada que incluirá contido adicional como o personaxe Metal Sonic e a pista de Outrun Bay.

PUBLICIDADE