Snapchat renova as súas lentes con cámara de cara ao verán

xoves, 26 de abril do 2018 Marcus Fernández

Dende Snap Inc. ousaron a comercializar unhas lentes con cámara para publicar contidos en Snapchat, as Spectacles, que tiveron un modelo de distribución que buscaba captar a atención do público, pero que na práctica conseguir converterse nun grande atranco, de xeito que finalmente acumuláronse centos de milleiros de Spectacles sen vender, provocando grandes perdas para a compañía que, en vez de recoñecer o fracaso, recunca cun novo modelo das lentes, que desta volta xa conta con distribución internacional e que mellora en prestacións á vez que sube de prezo.
As novas Spectacles poderanse mercar a partires do 3 de maio por 174,99 euros (o modelo anterior custaba 149,99 euros) pero en contraprestación incrementa a resolución dos vídeos capturados, permite disparar fotografías, reduce o tamaño da súa batería mantendo autonomía (dabondo para gravar até 70 vídeos cunha carga) e inclúe resistencia á auga (co que buscan principalmente animar aos usuarios a empregar este accesorios nas súas actividades de verán).
Estas novas lentes con cámara pesan 45,4 gramos, integra micrófono dual e cámara cun ángulo de visión de 105 graos, apertura f/2.2, resolución fotográfica de 1.642 x 1.642 píxeles e resolución de vídeo de 1.216 x 1.216 píxeles (a 60 cadros por segundo). Integra unha memoria de 4 GB na que poden almacenarse até 150 vídeos e 3.000 fotos e inclúe conectividade Wi-Fi AC e Bluetooth 4.0 para poder comunicarse co smartphone, e así poder transmitir os seus contidos ao teléfono para a súa publicación en Snapchat nun formato curioso, xa que o rexistro das imaxes é circular, buscando así que o teléfono poida colocarse en vertical ou horizontal sen amosar franxas negras superiores ou laterais durante a visualización.
A carga das Spectacles realízase no seu estoxo, e esta nova versión contrólase a través dun botón que, cunha pulsación prolongada dispara unha fotografía, mentres que cun toque grava un vídeo de 10 segundos, podendo realizarse toques sucesivos até completar os 30 segundos de gravación.
O produto mellora considerablemente fronte á anterior xeración, pero queda por ver se o rexeitamento do público a ser gravado e a cada vez menor relevancia de Snapchat farán que volva repetirse o fracaso das Spectables ou conseguirán finalmente atopar un público que goce deste tipo de accesorio.

As Spectacles pódense mercar en varias cores

Vídeo promocional das novas Spectacles

PUBLICIDADE