SmartPeme+ achega esta semana catro novos obradoiros TIC

luns, 13 de outubro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 13 ao xoves 16 de outubro e afondarán en cuestións como o deseño 3D, a rendibilidade dunha propiedade, a metodoloxía do inbound marketing ou o SEO (posicionamento) nas redes sociais, entre outros temas de interese para as pemes da provincia e as persoas autónomas.
Este luns 13 de outubro está previsto o obradoiro telemático OnShape 4 - Extrusión avanzada, a partir das 11.30 horas organizado pola oficina de Barro. As persoas participantes aprenderán as capacidades do modelado 3D mediante a ferramenta de extrusión. Ademais das funcións básicas, explorarán os métodos alternativos e avanzados que permiten un maior control e flexibilidade no deseño. Tamén como combinar e manipular sólidos para optimizar o fluxo de traballo en proxectos de fabricación. A sesión será impartida por Manuel Tornos, asesor no CPED de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC, e as inscricións pódense realizar en liña.
O martes 14 de outubro ás 16.30 horas celebrarase o obradoiro presencial Como calcular a rendibilidade do teu aloxamento coordinado pola oficina de Cambados. Esta sesión abordará como analizar os custos fixos e variables que unha propiedade debe ter en conta para calcular o seu punto de equilibrio. As persoas participantes coñecerán as fórmulas que lles permitirán calcular a rendibilidade utilizando cifras da base de datos, facturas e reservas. Ademais, poderán elaborar un modelo que aplicar á súa propiedade. A formación será impartida por Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico. As inscricións están abertas na Rede.
O mércores 15 de outubro ás 12.00 horas a oficina de Pontevedra organiza o obradoiro en liña Inbound marketing. As persoas participantes aprenderán o impacto que ten este tipo de técnica de mercadotecnia para achegarse ao usuario, xa que se trata dunha técnica que acompaña ao cliente ao longo de todo o seu proceso de compra. Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla experiencia profesional asesorando empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e mercadotecnia dixital, será o encargado de impartir a sesión, e as inscricións están abertas xa.
Por último, o xoves 16 de outubro ás 12:00 horas tamén a oficina de Ponteareas desenvolverá o obradoiro telématico Fai que te atopen II. SEO en Redes Sociais. Guillermo Nass, titulado superior en Deseño Gráfico Publicitario con experiencia en mercadotecnia dixital, ensinará a usar as redes sociais estratexicamente para crecer, conectar co público e vender máis. Abordará os fundamentos da comunicación dixital, as diferenzas entre plataformas, as mellores prácticas para a creación de contido, o algoritmo e as tendencias clave para 2025. Ao finalizar, os participantes terán un plan de acción claro de 5 pasos para mellorar a súa presenza nas redes sociais, evitar erros comúns e aproveitar ferramentas que aumenten o seu alcance. As persoas interesadas poden inscribirse xa.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.