SmartPEME remata outubro con catro novos obradoiros en liña

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPEME, oferta esta última semana de outubro catro novas accións formativas impartidas de xeito online. As accións, moi acaidas para impulsar a nosa dixitalización, versarán sobre debuxo 3D con dous programas diferentes, sobre fotografía no eido do ecommerce e a utilización das palabras clave para visualizar un negocio nas redes.
En concreto, este martes 26 impartirase o obradoiro Fabricación Dixital. Debuxo 3D con Onshape III – PartStudio III. Estará a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica, quen dará a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital desde unha perspectiva teórica e práctica.
Pola tarde, terá lugar o obradoiro Fotografía de produto para o teu ecommerce, a cargo de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, onde falarase da importancia da xestión das fotografías á hora de comercializar o noso produto na rede para interesar ao noso consumidor potencial.
Na mañá do xoves 28 será a quenda de Fabricación dixital. Laminador Cura I a cargo de Manuel Freire, experto universitario en robótica, quen dará a coñecer as tecnoloxías implicadas na fabricación dixital seguindo a mesma liña ca no obradoiro do martes 26.
Para finalizar, pola tarde, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, falará da Estratexia de palabras clave para posicionar o teu negocio en liña, obradoiro centrado na boa utilización das chamadas keywords ou palabras clave directamente relacionadas cos motores de busca.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPEME na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.

PUBLICIDADE