SmartPEME imparte esta semana cinco novos obradoiros tecnolóxicos
luns, 9 de maio do 2022
A
Deputación
de Pontevedra, a través do programa de formación tecnolóxica e
asesoramento SmartPEME, oferta esta semana cinco novas accións
formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial,
enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán
temas como a fabricación dixital con filamento, o desenvolvemento
dunha estratexia de mercadotecnia turística e correos electrónicos,
Google Adwords (como entendelo e crear campañas eficaces),
iniciación ao posicionamento en buscadores e redes (SEO) e
fabricación dixital con debuxo 3D.
O
martes 10 e o xoves 12 o encargado de dirixir os obradoiros será
Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e
Impresión 3D. Ambos talleres constan de 50 horas de duración e
inclúense no novo formato mixto, que combina formación en liña (30
horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro
Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O
primeiro, Fabricación dixital. Impresoras de Filamento ten
como obxectivo dar a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso
de fabricación dixital deseñando pezas en 3D. O segundo,
Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape II - Partstudio II
complementará a formación da semana anterior na utilización deste
software 3D.
O
martes, na quenda da tarde, o curso Desenvolve a túa propia
estratexia de email márketing turístico centrarase en aprender
como dar a coñecer a nosa empresa, os nosos servizos e valores
mediante o correo electrónico e tamén, coñecer as vantaxes desta
técnica, mellorar o deseño e medir o impacto das diferentes
campañas. A condutora desta formación será Patricia Cabaleiro,
posgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago.
O
mércores 11, pola mañá, Laura Carrera, graduada en Publicidade e
Relacións Públicas, falará sobre Google Adwords, como entendelo
e como crear campañas eficaces I .
Pola
tarde, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual
pola Universidade de Barcelona, impartirá o obradoiro Iniciación
ao SEO I: conceptos, palabras clave e primeiros pasos. Nel
tratará de achegar os conceptos básicos que compoñen o SEO e
amosará o proceso de transformación dun sitio web para mellorar o
seu posicionamento nos principais buscadores aumentando o tráfico de
usuarios ou clientes.