SmartPEME arrinca en Pontevedra cunha xornada referencial sobre tecnoloxías e emprendemento

luns, 11 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

Elena Gómez del Pozuelo estará os vindeiros días en Pontevedra para abrir as actividades de SmartPEME

Comeza a facer ruído, esta semana, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que avanzamos recentemente dende Código Cero e que se dirixe a darlle unha viraxe á súa rede CPAE 2.0 para adaptala aos novos tempos e achegala ás necesidades e demandas dos profesionais e das PEME da provincia. Falamos da iniciativa SmartPEME, a nova andaina da rede CPAE 2.0 (o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, iniciativa constituída por seis centros atendidos por técnicos especializados en novas tecnoloxías e con sedes en Lalín, Cambados, Vigo, Pontevedra, Ponteareas e Porriño). Segundo adiantara no seu día a Deputación, “o antigo CPAE 2.0 non estaba a obter os resultados agardados, polo que decidimos reformulalo, dotalo dos recursos suficientes e convertelo nun proxecto rigoroso denominado SmartPEME”. Esta mesma semana, o mércores, celébrase unha xornada de inauguración coa experta en innovación e negocios Elena Gómez de Pozuelo.
O evento contará tamén coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e desenvolverase no Museo de Pontevedra dende as 10:30 horas. A xornada, á que poderán asistir as e os emprendedores e autónomos e as PEME da provincia, consistirá nun almorzo de traballo no que os e as asistentes poderán coñecer de primeira man os novos servizos de asesoramento TIC que poden atopar á súa disposición dentro do novo programa SmartPEME, así como escoitar as experiencias de referentes en innovación TIC no sector empresarial e estreitar relacións profesionais con demais profesionais nunha sesión de networking.
O acto máis salientábel da xornada será a intervención de Elena Gómez de Pozuelo, referente en Internet en materia de emprendemento e innovación (conta con preto de 92.000 seareiros en Twitter a través do seu perfil @gomezdelpozuelo). Gómez de Pozuelo é a presidenta de ADIGITAL (Asociación Española de Economía Digital), directora executiva de varias empresas, membro do Comité Executivo e da Xunta Directiva da CEOE, presidenta da Comisión de Protección de Datos e conselleira, entre outras startups, de Womenalia, a primeira rede de networking mundial de mulleres profesionais. A súa intervención levará por título Atopar o lugar da túa empresa na nova era dixital e nela compartirá a súa perspectiva sobre como afrontar os procesos de transformación tecnolóxica.
Antes diso, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Francisco Javier Dios, presentarán ás persoas asistentes a rede SmartPEME para deixar paso á intervención de Gómez de Pozuelo. A esta seguiranlle os relatos de diversas empresas pontevedresas que xa implantaron con éxito as novas tecnoloxías nos seus negocios.
Nas súas intervencións, os e as representantes das mesmas transmitirán as claves para acadar o éxito mediante a implantación destas tecnoloxías. Por último, as persoas asistentes poderán gozar dun café e dunha sesión de networking onde ampliar cadansúa rede de contactos con outros e outras profesionais da provincia.

PUBLICIDADE