SmartPEME activará en setembro unha liña de asesoramento aos concellos e outra ao terceiro sector

mércores, 5 de agosto do 2020 S. P.

A Deputación de Pontevedra informou os días pasados de dúas novas carteiras de servizos que se van lanzar ao abeiro da rede SmartPEME (a rede de capacitación tecnolóxica da Deputación para pemes, autónomos, profesionais e cidadanía), dúas liñas de traballo que estarán centradas nos concellos da provincia e máis no terceiro sector. A entidade provincial explicou que entrarán en funcionamento no mes de setembro, cun programa estábel de obradoiros e asesoramentos TIC. Co fin de acadar a máxima repercusión convocaranse xuntanzas comarcais cos concellos nas que dar a coñecer o servizo.
A Deputación engadiu que SmartPEME Concellos nace para impulsar o desenvolvemento das administracións locais con accións de capacitación e asesoramentos en tecnoloxía, competitividade e promoción dos destinos turísticos enfocados ao persoal técnico, principalmente a axentes de emprego e desenvolvemento local e persoal de turismo. Esta nova carteira prestará formación e asesoramento en novas tecnoloxías e promoción do destino pero tamén sobre as consecuencias da COVID-19, as medidas de reactivación, ou as axudas económicas e subvencións.
Outro dos obxectivos é conseguir que os concellos sexan “prescriptores” da rede SmartPEME entre as empresas da súa área, polo que haberá asesoramentos para crear e mellorar as páxinas web dos negocios locais e servizos como comercio electrónico, capacitación en redes sociais, mercadotecnia dixital, posicionamento SEO ou ferramentas dixitais.
No caso do turismo, contribuirase a desenvolver os destinos, recuperar espazos públicos de impacto, impulsar accións de promoción e procurar financiamento acorde aos recursos de cada municipio.
SmartPEME Terceiro Sector vai dirixido a entidades que desenvolvan as súas actividades no ámbito dos dereitos, a participación cidadá e/ou as necesidades sociais, e ofrecerá asesoramento personalizado de balde, ademais de produtos e solucións centradas na competitividade e na tecnoloxía. Tamén para impulsar actividades de capacitación, eventos, networking e mesas redondas relacionadas coas TIC.

PUBLICIDADE