SmartPEME achega 42 obradoiros para Vigo, Ponteareas, Porriño, Pontevedra, Cambados e Lalín

martes, 5 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, nunha rolda de prensa recente

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, volve este mes de marzo con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, estamos a falar de 21 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e Porriño. A estas actividades cómpre engadir as sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación), as sete de Cambados e as sete de Lalín. En total, 42 obradoiros, aos que haberá que sumar (en breve) os de Barro. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
As quendas para o mes de marzo na oficina de Vigo comezan o martes 5, ás 19 horas con O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram. A seguinte acción será Como promover o teu propio evento en redes sociais, o xoves desa mesma semana á mesma hora. O curso Mini aplicacións de transformación dixital chegará a Vigo o martes 12 tamén ás 19 horas. O xoves 14, ás 18 horas, impartirase Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores. O xoves da seguinte semana, ás 19 horas, será a quenda de Bokeh, domina a técnica do desenfoque selectivo. O curso Empresas turísticas nas AAPP. Trámites para mellorar a túa presenza en liña chegará o luns 25 de marzo ás 17 horas. E, para rematar, Xestiona o teu negocio desde o móbil terá lugar o martes 26 ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, nº 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: As vantaxes de Instagram para a promoción de establecementos turísticos, o martes 5 de marzo, ás 17 horas. O xoves 7, ás 18 horas, terá lugar nas oficinas de Ponteareas Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics. O martes da seguinte semana, ás 19 horas, impartirase Que é a publicidade nativa e porque debería empregala?. A seguinte será O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram, o xoves 14 ás 19 horas. A quenda de Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais será o xoves 21 de marzo, ás 19 horas. Por outra banda, o martes 26 á mesma hora, terá lugar o obradoiro Fotografía de produto: todo o que debes saber. E, xa por último, o xoves 28, tamén ás 19 horas, Accións de marketing en Linkedin para empresas e autónomos será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
Finalmente, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: iníciase o martes 5 de marzo, ás 18 horas, co curso Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics. Pola súa banda, Fotografía de produto: todo o que debes saber chegará o xoves 7 ás 19 horas. O martes da seguinte semana, ás 19 horas, impartirase Social Media Listening: O que se di do teu negocio no Internet. A acción Vende os teus produtos en Facebook e Instagram terá lugar o xoves 14 tamén ás 19 horas. O xoves 21 de marzo, ás 17 horas, chega As vantaxes de Instagram para a promoción de establecementos turísticos. O martes 26, ás 19 horas, impartirase o curso Accións de marketing en Linkedin para empresas e autónomos. E, por último, o xoves desa mesma semana, tamén ás 19 horas, terá lugar Mini aplicacións de transformación dixital. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Polo que se refire ás actividades de Pontevedra, o primeiro dos cursos será Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero, que se desenvolverá o martes 5 de marzo a partir das 19.00h. O seguinte será o xoves desa mesma semana, cando a partir das 17.00h terá lugar o obradoiro Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos. O terceiro curso será Bokeh, domina a técnica do desenfoque selectivo, que terá lugar o martes 12 de marzo ás 17.00h. Esa mesma semana, Pontevedra acollerá Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio, o xoves 14 de marzo tamén ás 17.00h. O obradoiro Emprego de 3D en vídeos corporativos ou promocionais, chega o xoves 21, ás 19.00 horas. Por último, o martes 26 de marzo ás 17.00h terá lugar o curso A innovación como ferramenta para as PEME e o xoves 28, á mesma hora, Iniciación á impresión 3D. Que podo facer e como. A oficina SmartPEME de Pontevedra está emprazada no Edificio Administrativo da Deputación.
A primeira cita do mes na oficina SmartPEME de Lalín celebrarase o martes 5 de marzo, ás 19.00 horas, en concreto o curso Que é a publicidade nativa e porque debería empregala?. O xoves desa mesma semana, á mesma hora, levarase a cabo o obradoiro Pasarelas de pago para o comercio electrónico. A terceira cita será o martes 12, cando a partir das 17 h celebrarase Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos. O xoves 14, ás 19 h, é a quenda de Utiliza Instagram para promover e vender os teus produtos. O xoves 21 de marzo, ás 19 h, terá lugar en Lalín o curso O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram. No Viveiro de Empresas da Estrada, o mércores 27, ás 18 h, celébrase Crea unha páxina profesional con WordPress. Por último, o xoves 28, ás 19 h, chegará o obradoiro Fotografía os teus produtos e servizos para as redes sociais. A oficina SmartPEME de Lalín, no viveiro de empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
O primeiro dos obradoiros para Cambados será Como promover o teu propio evento en redes sociais, que se desenvolverá o martes día 5 a partir das 19.00h. O xoves desa mesma semana á mesma hora celebrarase O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram. O seguinte será o martes 12 de marzo, cando a partir da mesma hora terá lugar o curso Coñece as tendencias en economía dixital: Deseño 3D e robótica. O cuarto obradoiro será Bokeh, domina a técnica do desenfoque selectivo, o xoves desa mesma semana, tamén ás 19.00h. O xoves 21, esta vez ás 18.00 horas, Cambados acollerá Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics. O obradoiro Empresas turísticas nas AAPP. Trámites para mellorar a túa presenza en liña chega o martes 26 ás 17.00h. Por último, o xoves desa mesma semana ás 19.00 horas desenvolverase o curso Emprego de 3D en vídeos corporativos ou promocionais. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE