Smart Monitor M8: unha pantalla con webcam e funcións de Smart TV

martes, 29 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano chegou a España a gama de pantallas Smart Monitor de Samsung, que destaca por integrar o sistema operativo Tizen, de xeito que o monitor informático pode empregarse a xeito de Smart TV, o que resulta especialmente práctico para espazos reducidos xa que pode utilizarse tanto para traballar co ordenador como para consumir contidos audiovisuais cando o equipo informático non estea acendido.
Esta liña de produtos está a ser bastante ben recibida, e así vemos como recibe un novo integrante, o Smart Monitor M8, que ofrece un deseño fino (só 11,4 milímetros de grosor) en catro cores, ten un panel de 32 polgadas con resolución 4K e unha curiosa cámara SlimFit magnética e extraíble, que incluso conta con funcións de seguimento facial e zoom automático. O seu micrófono de campo afastado de alta sensibilidade permítelle recoller a voz claramente e incluso facer uso de asistentes como Bixby e Alexa.
O novo monitor tamén conta con funcións avanzadas como Smart DeX, AirPlay 2 e a posibilidade de correr Microsoft 365 na nube (ou sexa, que podería usarse como un ordenador se contratamos o servizo de computación virtual de Microsoft).
Entrando en especificacións máis técnicas podemos comentar que estamos ante unha pantalla de 400 cd/m2, refresco de 60 Hz, Wi-Fi 5, Bluetooth 4.2, altofalantes, micro HDMI e 2 portos USB-C (capaces de transportar até 65 watts de carga).

Vídeo promocional do Smart Monitor M8

PUBLICIDADE