Smarnet posibilitará o seguimento en tempo real da nosa frota pesqueira de baixura
venres, 5 de agosto do 2016
O proxecto galego Smarnet
(encamiñado
a aplicar metodoloxías smart no ámbito litoral e da pesca)
segue adiante cumprindo a planificación programada polas catro
empresas responsábeis da súa posta en marcha e desenvolvemento:
SIVSA, Scio IT, Itelsis e Ocean Vision, xunto co Centro Tecnolóxico
Gradiant e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Así
nolo contou estes días a firma SIVSA, lembrando que o obxectivo do
proxecto é crear unha plataforma de servizos orientada ao mundo do
litoral costeiro. “Grazas a esta plataforma”, explican fontes
de SIVSA, “será posíbel realizar un seguimento en tempo real da
nosa frota pesqueira de baixura, así como das súas capturas ou os
tripulantes a bordo”. Ademais, achegará a comezos de 2017 unha
rede social específica sobre cuestións marítimas galegas.
Para facernos unha idea
do alcance concreto de Smarnet, a compañía galega SIVSA explica que
grazas aos desenvolvementos tecnolóxicos do proxecto, “os
pescadores disporán de aplicacións móbiles para coñecer a
posición dos seus aparellos de pesca, recibir recomendacións de
lugar de fondeo ou consultar condicións oceano-meteorolóxicas”.
Esta información será de especial relevancia para os traballadores
do mar, xa que facilitará ao máximo o seu labor cotián,
incrementando non só a eficiencia, e eficacia ou a rendibilidade,
senón tamén a seguridade (un dos obxectivos é acadar unha
condicións de traballo moito máis fiábeis que as conseguidas até
o de agora con outras tecnoloxías previas e análogas).
Smarnet a día de hoxe
Smarnet, segundo nos
contan dende o consorcio empresarial que lle dá forma e sustento,
vén de rematar a súa fase de estudo e definición. Os esforzos
despregados ao longo do segundo semestre de 2016 irán destinados ao
desenvolvemento dos servizos básicos da plataforma. Tamén verán a
luz as primeiras aplicacións, en forma de prototipos, como a
sensórica e dispositivos de seguridade que se instalarán nos
barcos, ou as boias con balizas GPS.
Polo que respecta aos
labores para materializar a Rede Social de Mar, outra das liñas de
traballo de Smarnet, sinalar que xa están en marcha. Ao abeiro desta
rede e mediante unha aplicación móbil para dispositivos iOS e
Android, fornecerase unha canle de comunicación específica sobre
cuestións marítimas galegas. A comunidade en liña será botada
con case total seguridade ao longo do primeiro trimestre de 2017.