Sky ofrece 12 canles de televisión por 10 euros/mes

luns, 11 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A oferta audiovisual desligada a operadores de telecomunicacións continúa a medrar en España, e chega agora Sky, compañía que por 10 euros/mes achega 12 das canles de pagamento máis vistas da televisión (Fox, TNT, Historia, SyFy, Disney Junior, Nickelodeon, Fox Life, TCM, Comedy Central, Calle 13, Disney XD e National Geographic) que poden verse en directo ou á carta até en 3 dispositivos ao mesmo tempo a través da web, de aplicacións móbiles (Android ou iOS) ou da Sky TV Box, dispositivo que ofertan a só 25 euros e que achega os contidos de Sky ao televisor (así como de aplicacións como YouTube).
O servizo precisa para funcionar que contemos cunha conexión de acceso á Rede cunha velocidade mínima de 2,5 Mbps, e aínda que as retransmisións en directo non teñen moito misterio, no caso da oferta á carta temos unha combinación de series e películas que poden verse baixo demanda como dos contidos das distintas canles ofrecidos mediante catch-up, ou sexa, mediante gravacións por tempo limitado (normalmente os últimos 30 días).
Temos así unha oferta que por unha banda pode lembrarnos a NetFlix ou a HBO (polos contidos baixo demanda) e, por outra, que competiría directamente con BeIN Connect, que ten un paquete de Entretemento por 7,99 euros/mes que inclúe as canles Fox, AXN, TNT, TCM, Fox Life, Nickelodeon, National Geographic, Comedy Central e Historia).

PUBLICIDADE