Sky anuncia o cesamento de actividade en España

xoves, 23 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A fatiga de subscricións ás que está a someterse aos consumidores comeza a cobrarse vítimas, como era de esperar, e ante a excesiva diversidade de servizos de vídeo de pagamento a plataforma Sky, que chegou hai 3 anos a España, tira a toalla e anuncia o cesamento de actividades o vindeiro 1 de setembro. Iso quere dicir que en setembro xa non será posible acceder aos seus contidos audiovisuais nin ás súas aplicacións.
Os subscritores actuais de Sky non terán que pagar nada a partir do 24 de xullo, mantendo os seus contidos completos até o 10 de agosto, cando rematan varios dos acordos de Sky cos seus provedores, de xeito que entre o 11 e o 31 de agosto o servizo será de balde para os usuarios actuais, pero cun catálogo audiovisual reducido.
Sky chegou como unha interesante opción para usuarios con banda larga fixa que non tiñan contratados servizos de televisión co seu operador, xa que a través desta plataforma over-the-top era posible acceder a moitas das canles de pagamento máis vistas en televisión mediante unha subscrición que actualmente estaba fixada en 6,99 euros/mes.
Unha das grandes vantaxes de Sky era a grande cantidade de plataformas nas que estaba dispoñible, xa que, aparte de ordenadores, tabletas e móbiles, tamén contaba con aplicación para PS4 e Xbox One, para Apple TV, para televisores de Samsung e LG, os dispositivos Sky TV Box (propio) e Agile TV Box (de Yoigo) e incluso con compatibilidade con Chromecast, facilidade coa que non contan outros servizos de moito máis nome, pero que seguen a descoidar este apartado.

PUBLICIDADE