Situm pecha con éxito unha rolda de financiamento con Amadeus Ventures

mércores, 20 de decembro do 2017 Redacción

O equipo de Situm nas instalacións do Edificio Emprendia no Campus Sur de Santiago

A empresa galega Situm, responsábel da innovadora plataforma do mesmo nome para a localización e navegación en interiores, vén de pechar con éxito unha rolda ponte con Amadeus Ventures, o brazo corporativo de investimentos de Amadeus (empresa referente no ámbito das TIC para a industria mundial da viaxe), unha rolda de investimento na que tamén participan as sociedades Unirisco e Xesgalicia. O obxectivo de Amadeus, apostando pola dita tecnoloxía galega, é avanzar no seu reto de mellorar as operacións e a eficiencia en todas as áreas do sector do transporte de persoas, principalmente. Na óptica de Amadeus, a plataforma Situm sería a resposta máis axeitada para os usuarios de aeroportos e estacións, xa que os ceiba da inquietude que adoitan provocar as contornas complexas non coñecidas. Segundo recorda Víctor Álvarez, conselleiro delegado e fundador de Situm Technologies, “cando viaxamos atopámonos con frecuencia en lugares novos e espazos descoñecidos, e iso pode resultar abafador”. Porén, a tecnoloxía de Situm fornece unha solución que achega un ingrediente importante de seguridade e confianza, tamén con vistas a asegurar aos viaxeiros que chegarán sen dúbida ao seu destino. Ademais, engade Víctor Álvarez, atesoura as vantaxes de que require unha infraestrutura mínima e que permite aproveitar o poder da tecnoloxía móbil persoal. “Aos xestores de aeroportos, estacións de tren, centros de conferencias ou hoteis, Situm permítelles ver en tempo real os movementos do seu persoal, optimizar a distribución dos recursos para que o tránsito de pasaxeiros sexa máis fluído, reforzar os servizos de seguridade e realizar análise para mellorar o xeomarketing e a segmentación”, explica o conselleiro delegado da empresa galega.
Amadeus realiza este investimento en Situm xunto con Unirisco (sociedade de capital risco constituída co obxectivo de promover a creación de empresas que aproveiten o coñecemento universitari) e Xesgalicia (sociedade xestora de entidades de capital risco galega que financia o desenvolvemento empresarial a través da xestión e administración de diferentes fondos e sociedades).
Respecto de Amadeus, é unha compañía de referencia na provisión de solucións tecnolóxicas avanzadas para a industria mundial da viaxe. Entre os grupos de clientes da compañía, destacan provedores (compañías de voo, hoteis, compañías ferroviarias, liñas de ferrys, etc.), distribuidores de produtos de viaxes (axencias e portais de viaxes) e compradores de viaxes (corporacións e empresas de xestión de viaxes). Segundo lembra Situm, o Grupo Amadeus conta con ao redor de 15.000 empregados en todo o mundo e desenvolve as súas actividades en máis de 190 países. A compañía posúe sedes en España (sede corporativa), Francia (desenvolvemento) e Alemaña (operacións) e oficinas en 70 países de todo o mundo.

PUBLICIDADE