Situm obtén o selo de PEME innovadora

martes, 26 de xullo do 2016 Redacción

A empresa galega Situm vén de obter importantes recoñecementos ao seu labor. Para comezar, foi quen de entrar no Rexistro de PEME Innovadora elaborado e mantido polo Ministerio de Economía como unha listaxe de referencia das firmas estatais con meirande máis probada capacidade para achegar recursos e servizos avanzados e que contribúan, en última instancia, a impulsar a economía coa fórmula do coñecemento e a excelencia. Esta distinción, en palabras dos responsábeis da compañía galega, salienta o traballo de Situm e a súa aposta innovadora. A maiores, a firma informa da obtención doutro recoñecemento: a súa participación nos programas Torres Quevedo e Doutoramentos Industriais.
Trátase de dúas iniciativas desenvolvidas ao abeiro do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016. O proxecto Torres Quevedo permitirá a incorporación dun doutor ou doutora con ampla experiencia ao equipo da empresa, mentres que os Doutoramentos axudarán á formación dun investigador ou investigadora durante os vindeiros catro anos en materia de I+D.
Estas novas distincións, explica Situm, achegarán aínda máis enerxía ao traballo da firma en materia de tecnoloxía avanzada “grazas á incorporación de novos talentos”. En termos máis concretos, permitirán un meirande espallamento da tecnoloxía de localización en interiores de Situm, presente xa nunha manchea de aplicacións, lugares e dispositivos, co seu obxectivo de facilitar ao máximo o día a día das persoas doentes, dependentes ou con diversidades funcionais ou motrices. Lembrar que a firma Situm foi escollida polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para proporcionar a pacientes, visitantes e profesionais médicos a súa ferramenta de localización, navegación e asistencia (en máis de 25 hospitais e centros médicos da nosa terra).

PUBLICIDADE