Situm levará a hospitais de Turquía a súa tecnoloxía de navegación en interiores

luns, 11 de decembro do 2017 Redacción

A empresa galega Situm, que dá nome á innovadora plataforma de localización e navegación en interiores da que temos falado en Código Cero en múltiples ocasións (co gallo da súa participación no South Summit 2017 ou a conto do premio entregado polo CPEIG), vai estender a Turquía a súa tecnoloxía. Este proceso de espallamento de Situm, que xa funciona en diversos hospitais españois, será posíbel grazas á colaboración con Medrics, desenvolvedor referente de aplicacións para sanidade no devandito país. A alianza abrangue a construción de novas solucións para máis de 100 hospitais turcos.
Segundo informa Situm, o obxectivo deste acordo é “o de mellorar a experiencia de usuario dos pacientes e a eficiencia operacional para os provedores de servizos médicos”. O proceso, engaden fontes da empresa galega, “implicará a implantación en Turquía da mesma tecnoloxía que xa demostrou os seus beneficios en 25 hospitais e centros médicos españois”.
A respecto do alcance presente e futuro do dito acordo, Altug Ozdamar, director xeral de Medrics, comenta que xa se despregaron servizos combinados en dous hospitais urbanos e dous centros médicos privados, chegando a cincuenta centros antes do verán de 2018 e outros cen para finais de 2019, cun potencial de máis de mil hospitais en toda Turquía. Para Gregory Botanes, director xeral de Situm, esta alianza “permitirá guiar a pacientes e visitantes no interior das infraestruturas sanitarias, mellorando a experiencia de usuario e facilitando unha relación máis próxima e eficiente entre os cidadáns e o sistema sanitario”.
Os primeiros dous hospitais que se beneficiarán dos servizos de Situm e MEDRICS serán os Campus Hospitalarios de Mersin e Bilkent. Segundo engade Situm, o de Mersin é o primeiro hospital urbano da rexión e o máis grande da zona en termos dun único edificio monobloque.

Boa parte do equipo de Situm Technologies nunha imaxe recente

Por certo que, recentemente, Altug Ozdamar realizou unha demostración da funcionalidade de navegación en interiores no hospital de Medrics acompañado de persoal de HIMMS (Sociedade de Sistemas de Información e Xestión da Saúde), unha organización internacional que traballa na dixitalización de servizos sanitarios para mellorar tanto a calidade de vida dos pacientes como a efectividade en procesos e custos, o acceso e o valor da sanidade.
O hospital de Bilkent será o segundo centro médico en recibir a tecnoloxía de localización en interiores de Situm e Medrics. A respecto da súa relevancia, a firma galega explica que o hospital de Bilkent é o maior proxecto público/privado de Turquía en cuestión de sanidade, “e será o hospital máis grande de Europa e o maior centro médico do mundo construído nun único bloque”. Ademais, abrangue unha área de máis dun millón de metros cadrados e unha capacidade para preto de catro mil camas.

PUBLICIDADE