Siemens lanza un servizo de pago por visión a través da TDT

venres, 29 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Mentres as canles de televisión desaproveitan o potencial da TDT limitándose a ofrecer programación repetida, de baixa calidade e nula interactividade, Siemens comeza a tirar proveito do sinal que non empregan as televisións para que o seu servizo InOut TV transmita películas e podcasts ó disco duro dun gravador de vídeo.
Este novo servizo se chama Butaca TV e polo momento só está dispoñible para os receptores Siemens Gigaset M665T (que se venden a 199 euros), pero supón unha orixinal plataforma de televisión á carta que ofrece cine de estrea en formato dixital, transmitido en ficheiros cunha resolución de 720 x 576 en formato panorámico e cun bitrate de 3 Mbps, de xeito que cada película ocupa entre 2 e 3 Gb, o que se aproxima á calidade dun DVD.
Os compradores do Gigaset M665T poderán descargar 3 películas de balde a través deste sistema, aínda que a partir dese momento deberá pagar para desbloquear os contidos descargados (que quedan dispoñibles durante 24 horas para o seu visionado) facendo a petición pola Internet ou mediante SMS. No caso de empregar o servizo para acceder a podcasts as descargas son de balde.