Shokz presenta os seus auriculares máis lixeiros e compactos

venres, 2 de maio do 2025 Marcus Fernández

A marca líder en auriculares de transmisión ósea, Shokz, está a apostar tamén polos auriculares abertos que empregan outras tecnoloxías, e nesa liña presenta os OpenDots One, uns auriculares compactos e lixeiros que foxen do deseño de auriculares como os OpenFit e os Ear (open) para achegarse á liña dos Huawei FreeClip e os Bose Ultra Open Earbuds, polo que semellan máis uns pendentes que uns auriculares sen fíos.
Os OpenDots One teñen un deseño en forma de pinza, que se fixa na parte superior da orella mediante unha estrutura en U, configuración que garante a estabilidade e comodidade, combinando a discreción dos auriculares sen fíos intrauditivos coas vantaxes do son aberto. O altofalante repousa fóra da canle auditiva, o que permite manter a percepción do contorno, algo especialmente valorado por persoas que corren ou circulan en bicicleta en zonas urbanas. Tamén reduce o risco de lesións no oído ou de problemas de hixiene.
Cada auricular pesa só 6,5 gramos, polo que resulta moi lixeiro e doado de combinar con lentes, gorras ou outros complementos. A súa estrutura mestura unha placa de níquel-titanio cun recubrimento de silicona disposto de maneira estratéxica para garantir a súa comodidade durante todo o día e resistencia a movementos bruscos, mesmo nos adestramentos máis esixentes.
No ámbito do son, os OpenDots One incorporan a tecnoloxía Bassphere, que utiliza dous transdutores circulares situados nun módulo compacto para xerar graves potentes e limitar a perda de son. Ademais, integran Dolby Audio, que realza os detalles máis sutís e ofrece unha experiencia sonora máis rica e envolvente.
A nivel funcional, estes auriculares permiten ata 40 horas de reprodución grazas ao seu estoxo de carga, e permiten conseguir dúas horas de autonomía cunha carga rápida de só dez minutos. Tamén admiten carga sen fíos e incorporan un sistema de detección dinámica que identifica automaticamente en que orella se atopa cada auricular. Isto facilita o uso indistinto tanto no oído como na funda de carga, sen necesidade de distinguir entre esquerda e dereita.
Os OpenDots One de Shokz saíron á venda nos EE.UU. a un prezo de 199,95 dólares, e podemos prever que chegarán a España en breve, a un prezo que podería superar os 200 euros, o que podería dificultar unha boa aceptación comercial (xa que os Huawei FreeClip poden atoparse frecuentemente por 159 euros).

Vídeo promocional dos novos auriculares de Shokz