Sherpa 1000: copiloto con GPS que che avisa da situación dos radares fixos

venres, 16 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Sherpa 1000 é un deses aparellos que semellan feitos á medida desa franxa de poboación que sempre procura ir por enriba da velocidade permitida, ben porque ten présa, ben porque xa que gastou cinco millóns nun bólido, polo menos tirarlle rendemento. Enleadas aparte, o produto do que falamos é un chivato de radares de Tráfico e que inclúe (entre outra tecnoloxía) receptor de satélite de 20 canles, o chamado Sirf Star II. Este, sinala a casa Sherpa, “ademais de dar unha lectura de gran exactitude da nosa posición, permite unha instantánea recepción do sinal GPS”.
Asemade, o aparello vén con base datos. Esta, combinada co uso do GPS pon ó alcance do condutor unha serie de datos en planos cartográficos de especial interese, sobre todo se o condutor é: 1º Dos que vaia onde vaia e faga o que faga sempre se perde ou: 2º Dos que se non fai subir á agulla do contador de quilómetros até onde lle deixe o coche non se sente persoa. O caso é que Sherpa ten polo mundo adiante unha serie de topógrafos (os colaboradores) que cada pouco tempo actualizan datos como: onde hai puntos negros de accidentes, onde están os radares fixos e onde poderían estar os móbiles (isto probablemente está ó límite do legal).
O aparello (por avisar que non quede) tamén avisa da situación das cámaras de semáforo, e tamén dos tramos de velocidade controlada. Ou sexa: que só falta que che diga en voz baixa e sen que o escoite ninguén máis que se corres un pouquiño máis a partir de determinado tramo, seguro que non che multan. Se cadra non estaría mal que alguén subministrara ben ás agachadas un aparello alternativo que lle comese mercado ó Sherpa 1000: un aparello cun toque mentireiro que che dixera que tódalas estradas teñen radar e que tódolos semáforos che sacan unha foto se os pasas en vermello.

PUBLICIDADE