Shenmue II estrea secuela 18 anos despois do seu lanzamento

martes, 19 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Na feira E3 de 2015 Sony conquistou a boa parte do público con anuncios que tiraron da nostalxia para causar impacto, como o anuncio dun remake do clásico Final Fantasy VII e a presentación da campaña de micromecenado para facer realidade o xogo Shenmue III, para finalmente superar os 6 millóns de dólares en Kickstarter, o que claramente só serviría para financiar unha pequena porción do xogo (que por fortuna para os amantes da saga contou co apoio de Sony).
Pasados todos estes anos de desenvolvemento, por fin está dispoñible, en versións para PlayStation 4 e para PC (en primicia na Epic Games Store para enfado de moitos mecenas que querían o título en Steam), o agardado Shenmue III, facendo realidade este longo traballo de Yu Suzuki, que puido así pór fin á historia que quedara pendente en Shenmue II e que tivo que agardar 18 anos para completarse.
Cómpre salientar que aínda que Shenmue e Shenmue II son títulos moi admirados, comercialmente foron un rotundo fracaso, principalmente por ser desenvolvementos extraordinariamente caros (custaron uns 70 e 47 millóns de dólares respectivamente), e no caso de Shenmue III tampouco se espera unha fortuna diferente, pois está claro que simplemente pretende servir para rematar unha aventura épica na que se mestura elementos propios de xogos de acción como Virtua Fighter con divertidos minixogos e unha potente historia central narrada dun xeito moi cinematográfico.
Nesta terceira entrega o artista marcial Ryo Hazuki, busca resolver o misterio detrás do Espello Fénix, un artefacto que busca o asasino do seu pai. Nesta aventura Ryu visitará a China rural, mellorará o seu adestramento e proba sorte en xogos de apostas e arcade mentres desenvolve a súa investigación.
O xogo está dispoñible por 49,99 euros para PC e por 59,99 euros para PlayStation 4 nas súas edicións estándar, existindo tamén unha edición para coleccionistas por un prezo de 79,99 euros.

Shenmue III para PS4 pode adquirirse nunha completa edición para coleccionistas

Vídeo-reportaxe coa que celebran o lanzamento de Shenmue III

PUBLICIDADE