Sharp presenta un panel de 736 dpi

mércores, 12 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A carreira pola resolución das pantallas dos nosos dispositivos acelerouse coa chegada da televisión en alta definición, pero nos últimos anos os fabricantes pisaron o acelerador moi a fondo, e así puidemos ver como Apple presumía primeiro dos 326 puntos por polgada das súas pantalla Retina, para estrear no iPhone 6 Plus os 401 puntos por polgada da nova pantalla Retina HD, que aínda queda lonxe dos impresionantes 517 puntos por polgada da pantalla Super AMOLED do Samsung GALAXY Note 4, que consegue meter 2.560 x 1.440 píxeles nun panel de 5,7 polgadas, e agora chega Sharp e presenta un panel IGZO LCD que consegue unha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles en só 4,1 polgadas.
O novo panel de Sharp tería así unha densidade de píxeles de 736 puntos por polgada, o que permitiría reproducir vídeo en 4K nunha pantalla de só 6 polgadas de diagonal, nivel de detalle que dificilmente podería percibir o ollo humano, deixando claro que estamos moi preto da meta desta competición que está a chegar a uns límites absurdos. Actualmente Sharp xa ten en produción paneis LCD IGZO de preto de 500 puntos por polgada, e tamén desenvolveu paneis LTPS de preto de 550 puntos por polgada, mentres que os novos de 736 puntos por polgada non entrarán en produción até 2016.

PUBLICIDADE