Shadow of the Tomb Raider preséntase oficialmente

venres, 27 de abril do 2018 Marcus Fernández

A pasada noite Square Enix celebrou eventos en Montreal, Londres e Los Ángeles para presentar oficialmente o xogo Shadow of the Tomb Raider, título desenvolvido por Eidos-Montreal en colaboración con Crystal Dynamics, que porá o peche a unha triloxía de éxito que incluso foi adaptada a pantalla grande. Esta última entrega verá a luz o 14 de setembro, con versións para Xbox One, PlayStation 4 e PC, e por fin podemos facernos unha idea de como será grazas á publicación do seu primeiro tráiler completo.
En Shadow of the Tomb Raider Lara deberá dominar unha selva mortal, superar tumbas arrepiantes e perseverar nun dos seus peores momentos, mentres trata de deter unha apocalipse maia.
Os incondicionais da saga tamén poden xa reservar o xogo nas súas diferentes edicións: a edición estándar que inclúe só o xogo; a edición Croft que inclúe o pase de tempada, a banda sonora orixinal en formato dixital e algún contido descargable máis; e unha edición para coleccionistas que aparte dos contidos da edición Croft incluirá tamén unha figura de Lara Croft, unha lanterna, un piolet abrebotellas e a posibilidade de gozar do xogo 48 horas antes do seu lanzamento oficial.

A versión para coleccionistas do xogo inclúe unha figura de Lara Croft

Tráiler de Shadow of the Tomb Raider

PUBLICIDADE