Sete blogueiros percorreron Barbanza e O Salnés convidados pola Mancomunidade Arousa Norte

luns, 12 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Os pasados 8 e 9 de novembro, Arousa Norte convidou a un grupo de prestixiosos blogueiros especializados en viaxes e turismo (blogueiros á par que xornalistas e fotógrafos do panorama galego e estatal), no marco do encontro #ArousaTurismo Blogweekend, un evento desenvolvido co obxectivo de dar a coñecer no eido das bitácoras e as redes sociais o patrimonio e os recursos da ría de Arousa, e máis polo miúdo do xeodestino Rías Baixas-Ría de Arousa. O evento, do que avanzamos as súas liñas estratéxicas e os obxectivos, contou coa participación de Edurne Baines e Ricardo Grobas (Vivir Galicia), Luís Rodríguez Hernández (Lusonrh.com), Jose Miguel Redondo (El Rincón de Sele), María Victoria Rodríguez (Diario del Viajero), Adrián Rodríguez Pérez (Mola Viajar) e Anxo Saco (Rentaguide SCQ).
Acompañados por técnicos das Mancomunidades de Arousa Norte e do Salnés tiveron a oportunidade de gozar de dúas xornadas de achados, lecer turístico e intercambio de experiencias ao longo e ancho das dúas beiras da ría de Arousa (Barbanza no norte e O Salnés polo sur).
Segundo nos conta a Mancomunidade Arousa Norte (impulsora destas actividades xunto coa súa irmá a Mancomunidade do Salnés), a xornada do xoves transcorreu na beira sur, percorrendo a ruta Traslatio dende Vilaxoán ata Pontecesures. Durante a navegación, os blogueiros puideron observar de preto o traballo dos mariscadores a flote, o vía crucis marítimo fluvial, as Torres do Oeste de Catoira e as paisaxes da ría de Arousa dende a illa de Cortegada ou as brañas de Laíño, remontando o río Ulla. Continuouse en terra coa visita á lonxa e porto de Cambados, o mosteiro de Armenteira, a ruta da pedra e da auga en Meis e as adegas Martín Códax en Cambados, “onde os xornalistas puideron catar os viños albariños”.
A xornada do venres día 9 trasladouse a Arousa Norte, comarca de A Barbanza, cunha visita aos outeiros da Curota, Valle-Inclán e a Pedra da Ra, “para obter unha boa perspectiva da ría de Arousa en conxunto, e do Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, onde recibiron unha explicación das características da contorna paisaxística e unha demostración práctica dos valores do xeodestino na observación de aves”. Logo, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer in situ a produción de mexillóns na zona de Aguiño (Ribeira), continuando logo até a illa de Sálvora, integrada no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, onde realizaron unha ruta guiada ata a aldea, hoxe en día en proceso de rehabilitación. “A tarde proseguiu no Centro Arqueolóxico do Barbanza e a vila de Rianxo, onde os blogueiros convidados recoñeceron os valores megalíticos do xeodestino e o carácter mariñeiro e literario la vila rianxeira”, infórmase. O evento #ArousaTurismo Blogweekend integrase nas accións que a Mancomunidade de Arousa Norte desenvolveu e estreita colaboración coa Mancomunidade do Salnés, e que forma parte do convenio asinado coa Secretaría Xeral para o Turismo en 2012.