Absolven aos responsables de SeriesYonkis de delito contra a propiedade intelectual

venres, 21 de xuño do 2019 Marcus Fernández

David Martínez e Jordi Tamargo levan bastantes meses afastados de SeriesYonkis e PelículasYonkisNo mes de abril captou grande atención mediática o xuízo contra os responsables de SeriesYonkis, no que supuxo o desenlace dunha causa iniciada en 2008, e na que os acusados tiñan que enfrontarse a peticións de pena de 4 anos de cadea para cada acusado e a solicitude de indemnizacións que sumaban 555,5 millóns de euros, pero que finalmente quedaron en nada, xa que a titular do xulgado do Penal número 4 de Murcia, Isabel María Carrillo Sáez, absolve aos acusados de delito contra a propiedade intelectual.
A resolución da xuíza considera probado que as páxinas peliculasyonkis.es, seriesyonkis.es e videosyonkis.es contiñan ligazóns a obras audiovisuais protexidas por dereitos de propiedade intelectual, aínda que recoñece que estes contidos están en servidores externos e as persoas responsables da súa publicación serían terceiros non identificados.
A sentenza entende que as páxinas web denunciadas non contiñan ningún contido audiovisual, senón simplemente ligazóns, e non se presentaron evidencias de que os acusados tiveran intervido na publicación dos contidos na Rede. Tamén destaca o feito de que os acusados non obtiñan ingresos económicos directos derivados do número de descargas do material audiovisual (estes beneficios recíbeos cadansúa plataforma de descargas á que se subían os vídeos) de xeito que os ingresos de SeriesYonkis proviñan da publicidade que aparecía na súa páxina web.
A resolución xudicial entende que os feitos probados non encaixan no delito contra a propiedade intelectual recollido no artigo 270 do Código Penal antes da reforma de xullo de 2015, que precisa que para a condena sexa preciso que se «reproduza, plaxie, distribúa, comunique publicamente, en todo ou en parte, unha obra». Aínda que o concepto de comunicación pública é moi controvertido, a xuíza considera que ao remitir aos usuarios a un servidor externo non se produciría.
A sentenza non é firme, polo que aínda é posible que se presente apelación.

PUBLICIDADE