Series.ly elimina as ligazóns a contidos protexidos

luns, 29 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Ante a entrada en vigor da última reforma da Lei de Propiedade Intelectual o vindeiro xoves, moitas son as páxinas web que están a mover ficha esta semana, e Series.ly, unha das páxinas de descargas de referencia en España, que anunciara a primeiros de mes a súa intención de respectar a lei, comezou hoxe mesmo a súa reestruturación para adaptarse ao novo marco legal, eliminando todas as ligazóns a series de televisión, películas, documentais e programas de televisión que non estean en plataformas legais. Deste xeito, ao comezar 2015 Series.ly será unha especie de rede social para compartir información sobre contidos audiovisuais e para, por exemplo, lembrar en que punto imos dunha serie de televisión e comprobar o que nos falta por ver.
Falamos dunha plataforma con máis de 5 millóns de usuarios que nas vindeiras semanas transformarse nalgo novo, quedando por ver se iso reducirá o consumo irregular de contidos protexidos ou se simplemente limitarase a dar unha forma diferente ao mesmo servizo para cumprir coa lexislación.

JPEG - 80.8 KB
A aplicación TVSofa presenta actualmente un funcionamento incorrecto por mor da retirada de ligazóns en Series.ly

Os que si van ter que dicir adeus son os servizos que dependían da base de datos de contidos de Series.ly, como a popular aplicación móbil TVSofa, que tiña unha media de 10.000 usuarios activos que empregaban esta solución para acceder aos seus contidos favoritos dun xeito áxil e doado, chegando en varias ocasións a atoparse entre as aplicacións máis descargadas na App Store española. Os responsables da aplicación anuncian que mañá a retirarán da tenda de aplicacións de Apple, aproveitando a ocasión para amosar o seu rexeitamento la nova Lei de Propiedade Intelectual e para adiantar que a finais de xaneiro ou comezos de febreiro lanzarán outra aplicación moi semellante, pero sen amosar ligazóns directas a contidos, simplemente para poder xestionar o catálogo de Series.ly como se facía até o momento.

PUBLICIDADE