Serafín Zubiri chega a Compostela para promover unha Sociedade do Coñecemento para todas e todos

luns, 6 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O Obradoiro de Santiago vai servir de escenario este martes a unha nova mobilización do sector TIC a prol dunha Sociedade do Coñecemento cen por cen accesible para os colectivos con risco de exclusión dixital, incluídas persoas con diversidade funcional. A cita vén da man da Fundación Tecnoloxía Social (FTS) e da súa plataforma aliada na nosa terra, a Asociación Galega de Empresas das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (AGESTIC).
A xuntanza, que dará comezo arredor das 12.30 horas, contará coa presenza do cantante invidente Serafín Zubiri, membro da devandita Fundación e artista comprometido coa eliminación de todos os atrancos de accesibilidade que achega a sociedade de hoxe. A presenza de Zubiri, entre outras cousas, servirá para dar a coñecer os obxectivos de FTS (achegar as redes ás persoas con diversidade funcional e usar estas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida destes colectivos) e, tamén, para presentar un proxecto da Fundación para o Xacobeo 2010: O Camiño dos Satélites.
Por certo que está previsto que o artista (imaxe visible da dita iniciativa) chegue a Compostela en bicicleta-tamdem dentro do grupo de Antonio Catalá de Hoteis AC. Zubiri estará acompañado na Praza do Obradoiro polo presidente de AGESTIC/FTS Galicia, José María López Bourio, e máis pola secretaria xeral de Familia e Benestar da Xunta, Susana López Abella.

PUBLICIDADE