Sennheiser presenta un micrófono compacto para creadores de contido

mércores, 7 de abril do 2021 Marcus Fernández

De cara aos creadores de contido dende Sennheiser están a promover o seu micrófono de canón compacto e direccional MKE 400, que permite mellorar considerablemente o son que pode captar unha cámara réflex ou sen espello (ou un teléfono móbil) e incluso conta con toma de auriculares para monitorizar o son durante a gravación.
O MKE 400 véndese a un prezo de 199 euros, e pode ser unha boa opción para os creadores que queiran tirar proveito do seu patrón de captación super-cardiode, ou sexa, que recolle o son que ten diante para enfocar o son e rexeitar o ruído de fondo. O formato deste micrófono está equipado con protección contra o vento e absorción de impactos, o que consegue gravacións sonoras moi limpas incluso en exteriores.
O micrófono tamén conta con filtros de paso baixo e un interruptor con 3 niveis de ganancia, para poder adaptar o modo de funcionamento do micrófono ao contorno no que se realicen as gravacións.
Para facilitar o uso deste micrófono con dispositivos móbiles Sennheiser ten á venda unha versión Mobile Kit na que o comercializa cun soporte para suxeitar o móbil, un mini-trípode de Manfrotto, cables mini-jack TRS e TRRS (de xeito que permiten a gravación con móbiles ou con gravadoras) e bolsa de transporte, custando o conxunto 229 euros.

JPEG - 86 KB
O micrófono tamén está dispoñible nun lote que inclúe cables e mini-trípode, pensando no seu uso con smartphones

Vídeo de presentación do Sennheiser MKE 400

PUBLICIDADE