Sennheiser lanza un micrófono sen fíos para smartphones

venres, 3 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Un dos grandes puntos febles da gravación de vídeo co móbil é, sen dúbida, o apartado sonoro, xa que os smartphones non contan con micrófonos deseñados para captar son a distancia, o que fai que en moitas ocasións non poidamos realizar gravacións que recollan os momentos que queremos rexistrar coa calidade axeitada, de aí que dende Sennheiser sorprendan cunha atractiva solución, o Memory Mic, un micrófono que conéctase co smartphone a través de Bluetooth, pero que conta cunha memoria para almacenar até 4 horas de audio, de xeito que, aínda que se perda a comunicación sen fíos, o son continuará rexistrándose para a súa posterior sincronización co vídeo gravado no smartphone a través da aplicación móbil deste accesorio (dispoñible para iOS e Android).
Esta solución, á venda por 199 euros, promete recoller o son cunha magnífica calidade, de xeito que, por exemplo, podemos rexistrar as palabras da persoa á que estamos a gravar con independencia da distancia á que nos atopemos da mesma.
Este accesorio pode prenderse na roupa mediante un clip magnético, ten un tamaño de 51 x 37 x 16 milímetros, pesa uns 30 gramos e integra unha batería de 360 mAh que pode cargarse por USB.
O Sennheiser Memory Mic estaría recomendado para creadores de vídeo, músicos e incluso familias, sendo un accesorio resistente e versátil, que como principal atranco ten o seu elevado prezo, de xeito que só sería apto para quen quixera realizar producións de vídeo coidadas.

Un dos vídeos promocionais do Memory Mic de Sennheiser

PUBLICIDADE