Sen incidencias no proceso de apagamento analóxico previsto para este luns

luns, 18 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Os apagamentos analóxicos previstos para hoxe producíronse, segundo informou a Xunta ao mediodía, “con total normalidade e sen incidencias”. Cómpre lembrar que os procesos estaban programados para as áreas de Ourense-leste e de Santiago (fase primeira da implantación da Televisión Dixital Terrestre), máis polo miúdo para as zonas de Verín, Monterrei, A Gudiña e Viana do Bolo (I e II) e, xa no ámbito técnico de Compostela, as zonas de Vila de Cruces, Lalín, Lousame, Porto do Son, Silleda, Teo, Montouto e Santiago-San Marcos. En termos de cidadanía afectada por este proceso de transición definitiva e irreserversible cara ás tecnoloxías dixitais (deixando atrás o sinal analóxico que todos coñecemos), estaríamos a falar duhnas 100.000 persoas.
Segundo os datos achegados pola Xunta sobre os traballos desenvolvidos hoxe, nestes intres a cobertura da TDT nas devanditas áreas técnicas acadaría o 98% da poboación (sendo a media galega do 97%).
O proceso, que aínda achega moitas dúbidas entre a sociedade galega polo que ten de implicación tecnolóxica e de infraestrutura, vén acompañado da posta en marcha duns teléfonos de información (012 ou o 981 572 154, da Oficina Técnica da TDT) dende o que se tratarán de resolver as posibles dúbidas que poidan ir xurdindo sobre os detalles máis complexos da TDT.
Ás 19,00 horas desta tarde está prevista unha nova comparecencia para facilitar as novas informacións que se vaian producindo sobre este proceso de apagado analóxico.

Imaxe do apagamento analóxico no centro de San Marcos

PUBLICIDADE