ScreenToaster: gravador en liña de actividades na pantalla

luns, 5 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

O panorama de aplicacións en liña (que se executan dende o navegador sen necesidade de descargas) non para de medrar. Segundo vemos estes días no caderno virtual de Manuel Gago, entre os programas habilitados recentemente na Web de meirande interese atópase o ScreenToaster, un sistema gravador de screencasts baseado en Flash que segue en boa medida a liña actual do espírito 2.0: a liña do faino ti mesmo. En base a isto, a ferramenta ten dous grandes obxectivos. Primeiro: permitir a gravación de todo o que teñamos activo na pantalla do computador para crear logo un ficheiro de vídeo que poderemos inserir noutros espazos en liña. Segundo: facer que todo o devandito sexa o máis doado posible para calquera. O programa, que é especialmente axeitado para dar conta das vantaxes e recursos doutros programas (ou para xerar titoriais que máis tarde poderemos presentar no noso blog ou na nosa páxina web), aínda está en fase de desenvolvemento, polo que non está rematada a gravación de audio en directo.
De feito, nos convites que os seus responsables distribúen arestora na Rede para que os internautas poñan a ferramenta a punto (e contribúan ao seu desenvolvemento), sinálase un medre vindeiro das funcionalidades. Con todo, e malia estar en beta, o seu manexo é doado abondo: dispón dunha interfaz sinxela que permite iniciar a gravación premendo un único botón, Start Recording, para logo crear de xeito automático un vídeo en flash accesible para o usuario a través de dúas vías: a través da URL directa da ferramenta ou de un código para inserir no noso espazo en liña.
Screen Toaster soporta calquera sistema operativo (Windows, Linux e Mac).

PUBLICIDADE