SciVee: a televisión en liña para os científicos

mércores, 22 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

A ciencia non se divulga por si soa. O sistema de difusión do saber científico inclúe por tradición moitos pasos a seguir e moitos axentes, non só os directamente implicados nun desenvolvemento ou achado concreto. Ou sexa: un traballo científico non se remata a si mesmo como traballo, senón que debe ser publicado para que logo entren en xogo os revisores e restantes membros da comunidade mundial de investigadores e contribúan a perfeccionalo. Todo isto que na vida real adoita a transcorrer máis devagar do que en realidade cumpriría (se pasa tempo de máis, xa non hai quen faga “revivir” ese achado), pode atopar no virtual un ritmo máis axeitado, a inmediatez que lle faltaba. O servizo SciVee, cualificado por Enrique Dans como o “YouTube dos científicos”, vai por esa liña: a de achegar ós científicos un espazo para presentar os seus traballos, facendo uso de todas esas cousas que fixeron famosa á Web 2.0 para convocar outras mans e outros ollos que llelos revisen.
A páxina, posta en marcha en Estados Unidos pola National Sciencie Foundation, a Public Library of Science e máis o San Diego Supercomputing Center, inclúe etiquetas (tags) e gravacións (semellantes ás que se adoitan dar nos congresos científicos). A gran vantaxe de todo isto é a inmediatez, unha vez máis. Non é preciso ler a documentación enteira do traballo nin o propio traballo e pódense facer preguntas e suxestións no intre mesmo no que se recibe a información, sen ter que agardar a que se presente nun evento investigador calquera (sempre e cando esa investigación concreta sexa aceptada para a súa presentación).

PUBLICIDADE