Santiago votará por unanimidade a moción Xabarín 2.0 polo galego na Lei do Audiovisual
martes, 26 de outubro do 2021
- Acto do 27 de setembro no que se referendou o apoio das forzas políticas con representación parlamentaria á proposta
O Concello
de Santiago votará este 28 de outubro pola tarde, por unanimidade, a
moción Xabarín 2.0 pola defensa do galego na Lei do Audiovisual
que se está a debater no Estado. Unha vez aprobado, o texto será
remitido á Secretaría de Estado de telecomunicacións, instándoa a
que a nova Lei de Comunicación Audiovisual recoñeza “a
pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos
e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e
audiodescricións, así como no financiamento anticipado de
producións nas canles de televisión liñais e baixo demanda”.
Segundo informou A
Mesa pola Normalización Lingüística, a moción tamén considera
remitirse á dirección de RTVE, para que emita todos os seus
contidos en versión dobrada ao galego, nomeadamente na canle
infantil e xuvenil, “cumprindo así o seu propio mandato marco”.
A Mesa lembra que
Santiago de Compostela será o primeiro Concello en debater e aprobar
por unanimidade esta moción. O presidente da Mesa, Marcos Maceira,
advirte que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua
galega” que a nova Lei do Audiovisual inclúa a demanda unánime do
Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de
defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar. “Cómpre
actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa
lingua é máis evidente”, recorda, “e que, ao tempo, é un dos
máis empregados polo público en xeral e pola mocidade e pola
infancia e particular”. “Estes dous elementos converxen nun
sector como audiovisual galego de calidade demostrada e gran
capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico
do noso país”, conclúe Maceira.
O presidente da
Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25.872 títulos entre series e
filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión,
practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao
español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en
versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou
lexendada á nosa lingua. “Esta oportunidade de mudalo é única”,
remata Maceira, “o pobo galego unido é imparábel. Afrontamos esta
oportunidade nas mellores condicións posíbeis: cun acordo unánime
das forzas políticas e sociais galegas. A unidade é garantía de
éxito”.