Santiago ponse este mércores no epicentro do debate arredor da ciberseguridade

martes, 17 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Un dos relatorios da edición madrileña do congreso ISACA

Este mércores 18 de setembro, a entidade internacional ISACA (Asociación de Auditoría e Control de Sistemas de Información) organiza o I Congreso de ISACA en Santiago de Compostela, que será inaugurado sobre as 9.00 horas pola directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira. Tamén intervirán, entre outros, Román Ramírez, experto en ciberseguridade e co-fundador de RootedCON (referencial conferencia sobre cuestións ligadas á protección tecnolóxica) ou Ricardo Barrasa, presidente de ISACA Madrid, que serán os encargados de pechar e abrir a xornada, respectivamente.
Amais dos representantes do Colexio Oficial de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia (o COETG) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), xa confirmaron a súa presenza no evento uns 175 profesionais con cartos de responsabilidade nas principais empresas da nosa terra. Na cita porase o foco nos ámbitos das auditorías tecnolóxicas, a ciberseguridade, os riscos TIC ou o goberno dixital, entre outros eidos de actuación.
Será unha xornada composta por relatorios e mesas redondas cos mellores expertos en cada área, sempre “baixo un enfoque práctico e casos de éxito”, informa ISACA, engadindo que o obxectivo é “conseguir un intercambio de coñecemento esencial e necesario neste tipo de xornadas, na que tamén terá cabida o networking”.
Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG, participarán como relatores na mesa redonda A formación e os profesionais en Galicia.
O evento terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia e calcúlase que concorrerán uns cen expertos nas devanditas temáticas TIC. Por empresas, centros tecnolóxicos e institucións, estarán presentes (entre outras moitas) Gradiant, Abanca, R, Coren, Pintos & Salgado Avogados, o CiTIUS, o CPEIG, o COETG, Emetel, Improsec ou Tegra (Gradiant). Entre os patrocinadores atópanse firmas referenciais galegas como Dinahosting.
A inauguración está prevista para as 0.00 horas, no Centro de Innovación Cultura do Gaiás. Como dixemos, o acto de benvida correrá a cargo de Ricardo Barrasa, presidente de ISACA Madrid. A continuación virá unha mesa redonda sobre ciberseguridade e logo, sobre as 12.00, outra xeira de debate sobre riscos TIC no sector industrial.

PUBLICIDADE