Santiago impulsa Traballamosengalego.gal para premiar a nosa lingua nos negocios

xoves, 15 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Compostela está a reivindicar a nosa lingua no ámbito comercial a través da páxina web Traballamosengalego.gal, que é unha das pólas principais da XIX edición dos Premios Manuel Beiras, destinados a recoñecer e enxalzar o traballo das empresas (establecementos de toda índole) que empregan o galego nas súas comunicacións. Os galardóns foron presentados hoxe polo Concello e a Cámara de Comercio de Santiago, que son as entidades impulsoras dos mesmos.
Segundo fixeron saber, as distincións veñen cunha campaña de promoción que xa arrincou nas rúas e establecementos de Compostela, e, tamén, na devandita páxina e as redes sociais. O obxectivo desta estratexia de comunicación a dúas bandas (a pé de rúa e a pé de Web) é chamar a atención sobre a importancia de que a lingua estea viva nos negocios.
O alcalde, Martiño Noriega, e o vogal da Cámara de Comercio Xavier Freire presentaron hoxe a convocatoria, que o Concello e a entidade veñen realizando conxuntamente dende o ano 2000. O rexedor lembrou que “o obxectivo destes galardóns é mostrar os aspectos positivos da comunicación comercial en galego, que se asocia a valores como a proximidade e a confianza”, ao tempo que mostrou o seu convencemento sobre a importancia (positiva) que boa parte dos clientes lle outorgan á nosa lingua como elemento a ter en conta á hora de facer ou non unha compra.
O rexedor tamén quixo lembrar a Manuel Beiras, “o histórico comerciante compostelán e destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua, que lle dá nome a estes premios que deste xeito son, ao mesmo tempo, un homenaxe a súa figura”. Pola súa parte, Xavier Freire salientou que a nova directiva da Cámara de Comercio de Santiago tivo claro desde o primeiro momento “o valor desta iniciativa posta en marcha fai dezanove anos co Concello de Santiago”, un premio, dixo, “que distingue a vontade e compromiso do empresariado e o pequeno comercio co idioma, un patrimonio fundamental para a actividade comercial”.
Segundo explicaron, afondando nas bases do certame, os premios convócanse en dúas categorías: empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega e empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego. Ademais, pode outorgarse unha distinción especial a unha persoa ou entidade que tivera un papel sobranceiro na normalización da lingua no mundo empresarial.
Aos galardóns poden optar empresas radicadas no concello de Santiago, que poderán presentar directamente as súas candidaturas ou seren propostas por calquera persoa ou entidade. O xurado do certame estará composto por un representante do Concello, da Cámara de Comercio, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Universidade de Santiago, dunha asociación en defensa da lingua, do Colexio Oficial de Xornalistas, dunha asociación de consumidores, e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior.
O ano anterior, o galardón foi dar á produtora Illa Bufarda; e o premio para a empresa que se incorporara recentemente ao uso do galego recaeu na empresa de fabricación de xogos e xoguetes Brazolinda. Amais, a distinción especial do xurado foi para o Colexio de Avogados de Santiago.
Respecto da campaña de promoción ten, como dixemos, unha importante vertente en liña. Segundo explicou Martiño Noriega, “quixemos construír a imaxe dixital dos Manuel Beiras, cun lugar de referencia para obter información sobre a convocatoria actual e as anteriores”. Desta maneira e para xerar interese entre a cidadanía, Santiago viuse ateigada estes días de cartaces nas beirarrúas e material publicitario con diversos textos-reclamo e un convite a visitar traballamosengalego.gal. Por certo que esta páxina está redireccionada cara a dos Premios Manuel Beiras, na que se poden atopar as listas de gañadores de edicións anteriores, as bases da convocatoria e numerosos recursos gráficos sobre os galardóns.

PUBLICIDADE