Santiago anima ás tendas a presumir de galego nas redes sociais

venres, 11 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Santiago vén de pór en marcha a terceira entrega do seu certame dirixido a visualizar o compromiso co galego dos establecementos comerciais composteláns. Trátase do certame #Fotolingua, unha iniciativa que se desenvolve nas redes sociais: no Facebook e máis Instagram, onde os responsábeis dos establecementos deberán pendurar unha imaxe na que se reflicta a utilización da nosa lingua na actividade de seu. O concurso foi dado a coñecer polo alcalde Martiño Noriega. Segundo fixo saber, o galego ten vantaxes competitivas claras. Por exemplo, dá prestixio, identidade e marca.
Noriega explicou que “cada vez temos máis establecementos galego activos en Santiago, e estamos convencidos de que a iso contribúen iniciativas impulsadas dende o Concello como o certame Fotolingua, os premios de publicidade comercial en galego ou os premios Manuel Beiras, neste caso en colaboración coa Cámara de Comercio”.
A xeito de novidade, este ano púxose o foco en promover o certame e fortalecer obxectivos, polo que se buscará ir alén dos resultados acadados en 2017, ano no que se duplicaron as imaxes presentadas nas redes sociais, que superaron o cento, como o número de seareiros das redes sociais do #Fotolingua, máis de 900.
As imaxes que concorran poden mostrar dende escaparates a etiquetaxes, pasando por letreiros, elementos decorativos ou cartaces. As fotos, sempre subidas ás redes como “públicas”, deberán ir acompañadas polos tres cancelos do concurso: #establecementoengalego, #fotolingua e #ogalegovende.
O prazo para subir as imaxes ás redes sociais pecharase o sete de xuño. Ao día seguinte o coñecerase o nome das persoas gañadoras. Haberá agasallos para a imaxe que obteña máis “gústame” en Facebook ou "likes” en Instagram na súa publicación orixinal, e para a imaxe seleccionada pola organización pola súa orixinalidade ou capacidade para transmitir valor positivo á lingua. As persoas que as publicaran recibirán cadansúa cámara Polaroid Snap.

PUBLICIDADE