Santiago acolle este luns unha xornada de análise do Plan de I+D da Xunta

venres, 25 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Fachada do Hotel Monumento San Francisco de Santiago

O Grupo Correo Galego organiza este luns 28 de febreiro, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago, a segunda edición do seu encontro sobre innovación posta en xogo para acadarmos competitividade no mercado internacional. O segundo Foro I+D+i no sector empresarial galego, ábrese ás 9.00 horas cunha intervención do reitor da Universidade de Santiago, Juan Casare Long. A continuación, o profesor da USC Anxo Carracedo falará da investigación galega no contexto español e europeo, contando para o seu relatorio coa participación de Luís Celeiro, director do gabinente de prensa da Universidade de Santiago.
Ás 10.15 horas será a quenda de Andrés Gómez Tato, quen falará das achegas das infraestruturas ao Plan Galego de I+D, facendo especial fincapé no papel a desenvolver polo Centro de Supercomputación de Galicia, o CESGA. Lembrar que Andrés Gómez é o administrador de Aplicacións e Proxectos deste centro de innovación.
A xornada, que seguirá até a hora do xantar, conta co patrocinio da Xunta, Pesconova, Engasa, Jealsa, Televés e Frinsa. Logo da pausa do café, celebrarase unha mesa redonda acerca do novo Plan de I+D que a Xunta vén de presentar para o período 2011-2015. Na mesa redonda participarán Pilar Morgade (subdirectora de I+D da Xunta), María Teresa Cancelo (directora xeral de CEEI Galicia), María Victoria Jato (vicerreitora de I+D e de Transferencia do Campus de Ourense), Rogelio Conde-Pumpido (director de Xestión e Valoración de I+D+i da USC) e Santiago Cabaleiro (director do Cluster de Acuicultura de Galicia). Javier Guerra, conselleiro de Economía, será o encargado de pechar este encontro.

PUBLICIDADE