Santiago acolle en decembro o Congreso Innovatia 8.3, dirixido ao emprendemento feminino de alicerce tecnolóxico
venres, 15 de novembro do 2013
Dicir innovación
empresarial en feminino é o mesmo que dicir innovación no futuro.
Todo indica a que as mulleres serán as grandes protagonistas do
tecido emprendedor e de alicerce tecnolóxico que nos agarda á volta
da esquina, e os sinais presentes que o certifican son cada vez máis
nidios. Así o entenden tamén o Instituto da Muller e a Universidade
de Santiago de Compostela, que precisamente están a organizar unha
xuntanza para pór devandito de relevo e abrir novos vieiros que
garantan este desenvolvemento tecnolóxico en clave feminina. Falamos
do Congreso Innovatia 8.3,
que se desenvolve días 12 e 13 de decembro de 2013 no marco de
colaboración entre ambas as institucións co fin de promover o
emprendemento das estudantes, as licenciadas e as investigadoras en
xeral.
O Congreso Innovatia 8.3
é o lugar de encontro das universidades españolas implicadas na
transferencia do coñecemento e a tecnoloxía dende a investigación
á sociedade a través da creación de empresas de base tecnolóxica.
“Celébrase na Universidade de Santiago de Compostela”, informan
as organizadoras, “xa que é aquí desde o ano 2006 onde o Programa
Uniemprende -a través de Woman Emprende- vén dando apoio ao
emprendemento feminino universitario e formalízase e financia a
través de Innovatia 8.3 como modelo de intervención que incorpora a
perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento
e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica”.
No Congreso Innovatia 8.3
presentaranse a metodoloxía e os procedementos de traballo que
poderán empregar todas as universidades que desexen facer un
asesoramento “neutro e integral” na creación de empresas de
alicerce tecnolóxico-dixital ou científico. Segundo indica a USC,
trátase de procedementos novos que definen todos e cada un dos pasos
que hai que seguir para acompañar a creación de empresas
universitarias. A filosofía que aglutina este traballo “é
incrementar o número de vocacións empresariais femininas, dun modo
acorde coas cotas de participación das mulleres na universidade
española”.
Woman Emprende presentará
a primeira guía de creación de empresas especificamente deseñada
para dar apoio ao emprendemento feminino de base tecnolóxica e
compartirá con todos os asistentes os procedementos de traballo que
explican detalladamente cada un dos pasos a dar para crear unha
spin-off universitaria promovida por mulleres. “En Innovatia
8.3”, engaden as organizadoras, “reflíctese a aposta das
universidades españolas pola innovación e as novas empresas
integrais e responsábeis, onde a creación de spin-offs
universitarias sexan cousa de homes e mulleres e o enorme talento
feminino que se xera na Sociedade do Coñecemento repercuta en
empresas de calidade”.