Santiago acolle a vindeira semana un foro sobre eficacia TIC para caixas de aforro

venres, 5 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

Entrada do Hotel AC Palacio do Carme en Santiago

O Hotel AC Palacio do Carme (Santiago de Compostela) vaise converter entre os días 10 e 11 de marzo nun punto de encontro tecnolóxico-dixital para as caixas de aforro do ámbito estatal, arestora implicadas en asumir as novas tecnoloxías da información como unha maneira de ser máis rendibles e ampliar o abano temático dos seus recursos. A xuntanza, impulsada por Microsoft e Caixa Galicia, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Tres pantallas e unha nube, un mundo por crear. Sinalar que os responsables do encontro, chamado Fórum Microsoft de Caixas de Aforro, ampliarán e afondarán para esta súa novena edición os esquemas achegados en convocatorias previas: debates e relatorios sobre as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e as tendencias de xestión dos datos no sector bancario e financeiro, máis polo miúdo as que atinxe ás caixas de aforro, “co fin de que sexan máis eficaces e competitivas e xeren máis valor para os seus clientes”.
Entre os relatores que asistirán ao foro atópanse Carmen Aranguren, directora de Servizos Financeiros e Seguros de Microsoft, e máis José Valiño, director xeral adxunto de Caixa Galicia. A previsión é de conseguir reunir a participación na xuntanza de preto de corenta entidades bancarias. Por certo que a hora de inicio das actividades do 10 e o 11 de marzo será a partir das 15.30 horas.

PUBLICIDADE