Sanidade botará man do Big Data para reducir o número de fumadores
mércores, 31 de maio do 2023
A
Consellería de Sanidade empregará Big Data (tecnoloxías
intelixentes de análise da información a gran escala) para axudar
aos fumadores a deixar de fumar. Así
o fixo saber o o conselleiro Julio Comesaña, na posta en marcha do
Plan Inspira Saúde, cuxo obxectivo é “reducir a prevalencia
do consumo de tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% no
2027 e nos adolescentes por baixo do 5%”. Ao seu abeiro crearase
unha rede de apoio á cesación tabáquica con seguimento dos
pacientes por parte dos profesionais especialistas en tabaquismo,
para o que será empregada a plataforma tecnolóxica autonómica
Telea.
Comesaña
remarcou que, no marco do plan, o seu departamento elaborará un
perfil epidemiolóxico que defina os determinantes que se relacionan
cun alto risco de padecer doenzas relacionadas co tabaquismo, “algo
que será posíbel grazas ao Big Data da
nosa historia clínica electrónica”, dixo, engadindo que está
previsto desenvolver un programa piloto de diagnóstico precoz de
cancro de pulmón, e a detección precoz doutras enfermidades
provocadas polo consumo de tabaco, como a EPOC ou as enfermidades
cardiovasculares. A tal efecto, “empregaremos ferramentas de
intelixencia artificial que nos permitirán estratificar o risco do
paciente de padecer a enfermidade”.
Xunto
ao anterior o conselleiro dixo que a Xunta establecerá o 31 de
outubro como o Día Galego sen Tabaco, e crearase a Rede Cidadá
Inspira Saúde, para a promoción dunha vida sen tabaco. “O plan
tamén tratará, ao mesmo nivel que o tabaco convencional, os
dispositivos tipo vapeadores ou cigarros electrónicos. Tamén
incidiremos na formación continua dos profesionais implicados neste
plan, coa colaboración da Escola Galega de Saúde Pública”.
Así
mesmo, crearanse máis espazos sen fume ao aire libre, actualmente
cóntase con 214 praias sen fume en 80 concellos e 18 parques en 18
concellos, “iniciativa que ampliarase aos campos de fútbol,
canchas de baloncesto, piscinas descubertas e mesmo campus
universitarios”.