Sand Land destaca entre as novidades para os subscritores de PlayStation Plus
mércores, 14 de maio do 2025
O catálogo de xogos que chegan a PlayStation Plus a partir do 20 de maio son bastante interesantes, principalmente por chegar encabezados por Sand Land, un xogo para PS4 e PS4 dentro do xénero do rol de acción inspirado no manga e na serie de animación homónima de Akira Toriyama, o creador de As Bólas Máxicas, motivo máis que de sobra para que moitos queiran darlle unha oportunidade. Nesta aventura controlaremos a Beelzebub, o príncipe dos demos, que acompañado por Thief e Rao irá na procura dun manancial de lenda agochado no deserto, mentres se enfrontan a bandidos, fauna salvaxe e ao Exército Real.
Tamén resulta curioso Soul Hackers 2 para PS5, un xogo de rol ambientado nun mundo neo-noir de misterio e ciencia ficción, na que se mestura unha sociedade sumida na tecnoloxía e incluso enfrontamentos nos que se invocan a demos para tirar proveito dos seus poderes sobrenaturais. Ante esta situación unha intelixencia artificial consciente decide crear a dous axentes, Ringo e Figue, que deberán evitar a fin do mundo.
Para os amantes do terror chega Five Nights at Freddy’s: Help Wanted – Full Time Edition para PS4 e PS5, que inclúe os cinco xogos desta franquía cos seus contidos descargables; mentres que os que prefiran os xogos máis bélicos terán o clásico Battlefield V para PS4; outro lote de vellos xogos é o S.T.A.L.K.E.R.: Legends of the Zone Trilogy para PS4 e PS5, que inclúe as versións renovadas das tres primeiras entregas de S.T.A.L.K.E.R.; para os amantes aos xogos de loita e acción temos Grandblue Fantasy Versus: Rising para PS4 e PS5; os seareiros da estratexia histórica gozarán especialmente do Humankind para PS4 e PS5; os que prefiran os simuladores relaxados poderán crear a súa propia granxa en Story of Seasons: A Wonderful Life para PS5; e Gloomhaven Mercenaries Edition para PS4 e PS5 chega como un xogo de rol táctico no que percorrer alxubes, bosques e covas derrotando monstros arrepiantes.
Estes xogos chegan para usuarios de PlayStation Plus Extra e Premium, en cambio, o que peche a oferta do mes, Battle Engine Aquila para PS4 e PS5, está só dispoñible para subscritores de PlayStation Plus Premium, pois trátase dun xogo de acción en primeira persoa que orixinalmente saíu para PlayStation 2, polo que resultará especialmente interesante para usuarios nostálxicos.