Samsung venderá en Corea un tabletófono con pantalla de 7 polgadas

luns, 2 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos tempos xurdiu unha categoría de produtos intermedia entre smartphones e tablets, que podemos definir como tabletófonos, con pantallas de a partir de 5 polgadas, pero dende Samsung non parecen estar conformes coas súas especificacións, e dentro desta gama de produtos atrévense a sacar en Corea do Sur o Samsung Galaxy W, que atrévese a chegar a un tamaño de pantalla de 7 polgadas (o que, ata o momento, considerariamos como un tablet).
Cómpre destacar que estamos ante un terminal que non só é escandalosamente grande, senón que tampouco destaca polas súas prestacións, por funcionar cun procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1,5 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb), pantalla de só 1.280 x 720 píxeles (resolución máis propia de smartphones con pantallas de 4,5 ou 4,7 polgadas), cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, batería de 3.200 mAh, Android 4.3 e un prezo de 499.400 wons (358,26 euros). Probablemente o máis destacado deste tabletófono que venderase en negro, branco e vermello é que inclúe conectividade LTE (4G), deixando claro que este tipo de conectividade xa non é exclusiva da alta gama.

PUBLICIDADE