Samsung vai máis aló da delgadeza co Galaxy S25 Edge

martes, 13 de maio do 2025 Marcus Fernández

Samsung presentou o Galaxy S25 Edge, un novo dispositivo da serie Galaxy S que destaca polo seu deseño ultradelgado de 5,8 mm e un corpo de titanio de alta resistencia. Con só 163 gramos de peso, esta nova proposta combina estética e robustez, mantendo o compromiso da compañía co rendemento de gama alta e a innovación tecnolóxica e adiantándose ao lanzamento do rumoreado iPhone 17 Air.
A súa pantalla AMOLED de 6,7 polgadas con resolución de 3.120 x 1.440 píxeles cunha velocidade de refresco variable de entre 1 e 120 Hz, está protexida mediante Corning Gorilla Glass Ceramic 2, o que lle aporta unha resistencia á altura do seu marco de titanio.
O Galaxy S25 Edge incorpora unha cámara principal de 200 Mpíxeles, acompañada dunha lente ultra grande angular de 12 Mpíxeles con enfoque automático, e melloras específicas para fotografía nocturna. O sistema de cámara está optimizado co motor ProVisual, que permite unha representación precisa da cor da pel e un nivel de detalle profesional, mesmo en retratos e escenas complexas. A isto engádense ferramentas de edición avanzadas baseadas en intelixencia artificial como Audio Eraser e Drawing Assist.
No interior, o dispositivo conta co procesador Snapdragon 8 Elite exclusivo para móbiles da familia Galaxy, que ofrece rendemento fluído e capacidades de IA integradas. A disipación de calor mellorouse grazas a unha cámara de vapor máis ancha e fina, mentres que o motor gráfico ProScaler permite unha mellora do 40 % na calidade visual á vez que se incorpora a tecnoloxía mDNIe que achega imaxes máis naturais.
A integración de Galaxy AI ofrece funcións personalizables que se adaptan aos hábitos de uso do usuario, con recomendacións contextuais e compatibilidade con aplicacións de terceiros. A protección dos datos está garantida a través de Knox Vault, que permite o procesamento de IA no propio dispositivo para reforzar a seguridade.
O seu elemento máis polémico é, sen dúbida, a súa batería de só 3.900 mAh, que pode cargarse ata o 55 % nuns 30 minutos cun cargador de 25 watts (contando tamén con carga sen fíos). Aínda que aseguren que este teléfono consegue unha autonomía dabondo para rematar o día, non podemos esquecer que o Galaxy S25+ (co que comparte pantalla de 6,7 polgadas) ten unha batería de 4.900 mAh (precisamente por contar cun grosor de 7,3 milímetros e un peso de 190 gramos), polo que previsiblemente estaremos ante un dispositivo pouco recomendable para os que precisan de grandes autonomías.
O Galaxy S25 Edge pode xa reservarse en tres acabados (titanio prata, titanio azul e titanio negro intenso) e na súa promoción de lanzamento pode adquirirse con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento por 1.259 euros (que é o prezo habitual que terá o modelo con 256 GB de capacidade). Está previsto que os compradores reciban o produto a partir do vindeiro día 27.

Vídeo de presentación do novo smartphone de Samsung