Samsung trae a España os seus televisores QLED 8K
mércores, 24 de outubro do 2018
Agora que os televisores con resolución 4K xa están
normalizados, os fabricantes buscan continuar avanzando, polo que Samsung
Electronics estrea hoxe comercialmente en España os seus televisores QLED 8K,
que reafirman a aposta da compañía surcoreana coa nanotecnoloxía Quantum Dot,
que permite visualizar até mil millóns de cores e ofrece até 16 veces a
resolución do Full HD.
Dado que na actualidade apenas hai contidos 8K, os novos televisores están
equipados cun procesador con intelixencia artificial que permite mellorar a
calidade de imaxe e son que recoñecen o tipo de imaxe orixinal (SD, HD, Full HD
ou 4K) para aplicar distintos algoritmos de escalado para conseguir unha maior nitidez
en 8K.
Os televisores Samsung QLED 8K Q900R están dirixidos a usuarios moi esixentes
que queren estar na vangarda, e conseguen unha calidade de imaxe sen
precedentes, podendo mercarse en tres tamaños, 65”, 75” e 85” polgadas, a
prezos de 4.999, 6.999 e 14.999 euros respectivamente.