Samsung traballa nunha tecnoloxía Wi-Fi que funcionaría a 5 veces a velocidade actual

luns, 13 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O Samsung GALAXY Note Edge conta con conectividade Wi-Fi AC (2X2 MIMO), sendo un dos dispositivos coa conexión Wi-Fi máis rápida do mercado

Aínda que as compañías de telecomunicacións parecen máis centradas en mellorar as velocidades da banda larga móbil, tamén resulta de grande interese optimizar as conexións sen fíos nos ámbitos doméstico e empresarial, para facer que os equipos que teñamos conectados a unha rede Wi-Fi funcionen a velocidades equiparables aos que están en redes de cable, e nesa liña nos últimos anos vimos como chegaban o Wi-Fi N e máis recentemente o Wi-Fi AC, e dende Samsung non queren rematar aí, e anuncian que xa están a traballar no que sería o Wi-Fi AD, un novo estándar que en vez de operar nas bandas dos 2,4 e 5 GHz, optaría pola banda dos 60 GHz conseguindo manter elevadas velocidades e evitando interferencias.
Segundo as probas realizadas por Samsung, coa nova tecnoloxía Wi-Fi conseguirían transmisións de datos de até 4,6 Gbps (ou sexa, 575 Mbytes/segundo) o que multiplicaría por 5 as velocidades que teñen os dispositivos sen fíos actuais, o que fai máis doado que poidamos gozar de contidos en alta definición sen retardos. De feito, estas novas conexións reducirían moito a fenda entre as velocidades teóricas e a reais, de xeito que na práctica chegarían incluso a funcionar 10 veces máis rápido que as conexións Wi-Fi actuais.
Espérase que este novo tipo de Wi-Fi comece a explotarse o ano que vén, agardando Samsung aplicar esta tecnoloxía a produtos moi variados, que poden ir dende equipos de telecomunicacións até trebellos audiovisuais e médicos, considerando que pode xogar un papel relevante en fogares conectados.

PUBLICIDADE