Samsung quere mellorar a calidade do sono con SleepSense

xoves, 3 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Samsung celebrou esta mañá unha grande presentación na IFA de Berlín, na que presentaron numerosos produtos que van dende a Internet das Cousas até o vídeo en alta definición, resultando bastante curioso que dentro de tanta electrónica de consumo buscasen un oco para presentar SleepSense, un novo tipo de dispositivo persoal, que busca axudar a mellorar a calidade do sono, conseguindo así un benestar xeral para o usuario.
Este dispositivo está orientado a entender os patróns do sono de xeito sinxelo e aprender a melloralos. SleepSense serve así de monitor do sono, analizando tanto a cantidade como a calidade, realizando logo recomendacións para mellorar o descanso, realizándose a interacción co trebello a través dunha aplicación móbil.
O SleepSense pode usarse dun xeito doado, colocándoo debaixo do noso colchón, instalando a súa aplicación no móbil e enlazando ambos dispositivos, para a partires de aí monitorizar o noso sono cun factor de precisión que asegura ser do 97%, controlando o ritmo cardíaco e respiratorio, e o movemento durante o sono, de xeito que cada mañá teremos un informe de actividade do sono e unha puntuación acorde aos datos medios con respecto á nosa idade, e que mediría factores como o tempo total de sono, a eficiencia, o tempo que tardamos en quedar durmidos, o número de veces que espertamos, o número de veces que saímos da cama, a porcentaxe de tempo en fase REM e a porcentaxe de tempo en sono profundo.
Esta tecnoloxía pode empregarse en combinación con outros elementos domóticos, de xeito que o SleepSense podería comunicarse co noso aire acondicionado, ou incluso apagaría o televisor cando quedásemos durmidos. Tamén permitiría programar alarmas intelixentes para conseguir espertar de xeito gradual, evitando así que a irritación que provoca o espertador se nos esperta cando estamos en sono profundo.

PUBLICIDADE