Samsung presenta unha unidade SSD de 16 TB

luns, 17 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Pouco a pouco imos vendo como os fabricantes conseguen introducir maior cantidade de información en menos espazo, pero vese que a vella práctica de utilizar unidades SSD para acceso rápido e discos duros tradicionais para almacenamentos masivos vai pasar á historia, e Samsung desvelou hai un días a que aseguran que será a unidade de maior capacidade do mercado, que resulta ser unha unidade SSD de 2,5 polgadas.
A Samsung PM1633a sería unha unidade de 15,36 TB que en vez de empregar pratos tradicionais fai uso de chips de memoria flash NAND de 256 Gbits (32 GB) que conseguen unha grande densidade ao almacenar 3 bits por cela no que se coñece como 3D V-NAND.
Non estamos ante un produto orientado ao mercado de consumo, senón para usos empresariais, de xeito que Samsung presentou estas novas unidades SSD nun servidor que integraba 48 destas unidades, o que permitíalle ofrecer unha capacidade total duns 768 TB e cun rendemento de 2 millóns de operacións de entrada/saída por segundo (unha unidade SSD de consumo conseguiría entre 10.000 e 90.000) polo que estaríase a conseguir unha grande mellora en capacidade e rendemento de grandes sistemas de almacenamento masivo.
Isto non quere dicir que os discos duros vaian ser cousa do pasado en breve, pois o seu prezo de fabricación continúa a ser moi inferior ao das unidades SSD, pero supón que de cara á evolución futura, as tecnoloxías alternativas como as unidades flash son inevitables, xa que os discos tradicionais están a atoparse con barreiras físicas para continuar a incrementar a súa capacidade.

PUBLICIDADE