Samsung presenta unha cámara de vídeo envolvente

luns, 22 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Para facilitar a creación de vídeo envolvente, que poida experimentarse nos emerxentes sistemas de realidade virtual dun xeito cómodo e atractivo, dende Samsung quixeron ofrecer unha solución de seu, a cámara Gear 360, que vén a ser unha cámara máis de 360 graos, pero que en vez de chegar dunha startup, vén da man dun grande fabricante, o que achega unha maior confianza sobre o seu soporte presente e futuro.
A cámara Samsung Gear 360 está equipada con 2 cámaras con obxectivos de ollo de peixe de 15 Mpíxeles, o que permite rexistrar imaxes de 30 Mpíxeles, así como vídeos panorámicos (a 30 cadros por segundo empregando codificación H.265), conseguindo funcionar incluso en condicións de iluminación pouco propicias (ou sexa, en interiores), xa que os obxectivos teñen unha apertura de f2.0.
Entre as vantaxes desta cámara está o feito de que pode sincronizarse cun smartphone de Samsung (como os Galaxy S6, S6 edge, S7, S7 edge e Galaxy Note 5) para poder previsualizar o seu contido en tempo real, podendo gravarse os vídeos directamente no smartphone (aínda que o soporte de gravación habitual é unha tarxeta microSD de até 128 GB colocada no seu interior) ou compartilos a través de canles sociais (incluíndo Google Street View).
A Gear 360 mide 66,7 x 56,2 x 60 milímetros, pesa 153 gramos incluíndo a súa batería de 1.350 mAh, ten conectividade Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, USB 2.0 e NFC, e incluso ten resistencia IP53 ante po e auga.
Sairá á venda no segundo trimestre do ano.

Vídeo de demostración gravado coa cámara Samsung Gear 360

PUBLICIDADE